Onoso país está a sofrer unha epidemia de lumes, con milleiros de hectáreas queimadas, atinxindo mesmo zonas de grande densidade demográfica, pondo en perigo casas e persoas. Neste contexto o presidente da Xunta salienta que o monte afectado é só un terzo da media dos últimos anos. Como se este terzo, e o que se poida queimar ate que remate o vran, non fose abondo grave e deberamos estar satisfeitos. Son declaracións insensíbeis e carentes da máis mínima autocrítica.
Preténdese dar por norma que os incendios son inevitábeis, que é unha doenza que non ten cura, nen hai remedio para limitala. Por este motivo, áxese fundamentalmente unha vez que se produce o mal. Mais, noutros territorios con tanta masa forestal como o noso, os efectos do lume son inmensamente menores. Daquela, algo falla ¡hai que recoñecelo e rectificar, poñendo solucións! Non se pode deixar todo en mans do clima; e moito menos aceptar como normal o desleixo ou a derrota. A prevención é esencial!
Non se lle pode negar importancia aos incendios intencionados, mais semella que a persecución é ineficaz nalgún nivel. Agora ben, estas accións criminais son favorecidas pola desfeita do agro, que grandes áreas de terreo ficaron en poula, ateigadas de mato, e que antes se empregaban con distintos fins. A repoboación do monte fíxose con especies foráneas, de rápido crecemento coa finalidade de obter lucros inmediatos, sen unha planificación que tivese en consideración impedir a extensión do lume en caso de incendio.
Polo tanto, os incendios son un síntoma da falla dun proxecto de país, no que a explotación do monte sexa parte dun plan de desenvolvemento xeral, cunha organización do territorio acaída (por exemplo, combinando a explotación conxunta de monte, gandaría, turismo, etc.). Ademais, din os sindicatos no sector que as brigadas están incompletas e que se dedican ao mesmo tempo a tarefas de prevención que restan rapidez á resposta. Son cuestións que debe contestar o presidente. Áxese a remolque de proxectos pensados para outras realidades xeográficas, culturais e económicas. Unha interrogante final: que papel xogará en todo isto o negocio do lume?