AS ELECCIÓNS EUROPEAS

Unha recente enquisa, encol das eleccións europeas, amosaba que a maioría da poboación olla a Unión Europea e as súas institucións, como algo alleo, xa que no Estado español a metade dos electores non votaría. Unha porcentaxe semellante á do ano 2009. Tamén é esclarecedor que neste período aumentasen nun 15% as persoas que coidan que foi negativa a entrada na UE, malia a inmensa propaganda a prol da Unión. Outras enquisas reflicten que entre un 40-45% dos consultados desexan abandonar a eurozona e que un 72% desconfía de Bruxelas. Mais, esta reivindicación dun amplo sector da sociedade non se recolle por ningún dos principais partidos, aínda que fagan unha valoración moi crítica da UE.
Resulta evidente que existe unha fenda entre o sentir da poboación e as direccións das organizacións políticas e sociais no relativo á Unión Europea, mesmo con aquelas que están máis ligadas á mobilización popular. Ademais, esta enquisa reflicte, e seguramente outras no futuro o confirmarán, o avance das forzas que están á esquerda do bipartidismo sistémico, representado polo PP e o PSOE. Non é un dato menor, que a esquerda estatalista e a nacionalista medren e obteñan un número de deputados que pode multiplicar varias veces os que teñen agora no Parlamento europeo.
Cando o PP pensaba que algúns bos datos macro económicos dábanlle novos folgos, encetou a perder base electoral con rapidez, tanto pola política económica que está a aplicar, que esmaga a clase traballadora e favorece os grandes grupos económicos, coa escusa de saír da crise, como porque segue impondo novas medidas regresivas. Asemade, preferiu esquecer que as cuestións económicas non xustifican a corrupción, e reformas que endurecen a represión, lesionan liberdades básicas, restan dereitos da muller, ignoran as realidades nacionais que integran o Estado español, e impoñen unha visión confesional e centralista da cultura, da historia, e dos comportamentos sociais. As eleccións europeas serán unha proba incuestionábel, que pode reafirmar o sentir da rúa, amosando a falta de apoio a estas políticas regresivas e a este modo de gobernar.

AS ELECCIÓNS EUROPEAS

Te puede interesar