Obama, a tensión como estratexia

|

As represalias dos Estados Unidos contra cinco oficiais do exército chino, acusados de espiar por internet seis empresas norteamericanas, son un paso máis na confrontación contra as potencias emerxentes por parte do Goberno de Obama. Como destacaron algúns medios de comunicación e analistas, Washington non ofrece ningunha proba sobre este suposto. China protestou e decidiu suspender a colaboración cos Estados Unidos en materia de ciberseguridade, porque entende que son acusacións prefabricadas.
É unha actitude prepotente e cínica que o Goberno norteamericano se laie porque as súas corporacións puideran ser obxecto de espionaxe, cando eles realizan esta actividade con total normalidade dende hai décadas, en prexuízo de empresas e gobernos de terceiros países. Unha actitude que amosa que as leis e as regras internacionais non van con eles, e que as súas empresas e cidadáns poden axer con total impunidade.
Un xeito de proceder que se comproba con toda crueza no asasinato selectivo, xa que non existe xuízo previo, dos “inimigos dos Estados Unidos”, e na morea de mortos civís polos “danos colaterais” dos drones. Os milleiros de documentos que filtraron Assange e Snowden deixaron patente a espionaxe de Washington mesmo aos seus máis próximos aliados. Para evitar estas situacións, internet debería estar controlado por un organismo da ONU no que, ademais dos gobernos, participasen organizacións sociais.
A liña política dos Estados Unidos é cada vez mais belixerante coas potencias emerxentes, especialmente China e Rusia, e con aqueles estados con gobernos pouco dóciles. Como exemplos, a inxerencia militar en Libia, Siria, Malí, Costa de Marfil, República Centroafricana; ou o apoio a golpes de estado brandos, como en Honduras, Paraguai e Ucraína.
Consecuencias: a desestabilización, o medre da confrontación e do gasto militar, e unha maior dependencia en relación aos USA por parte dos seus aliados, sobre todo da Unión Europea, Xapón e Corea. Todo indica que o conflito élle funcional ao complexo industrial-militar dos Estados Unidos e ao dólar,... claro que a costa dunha grave polarización social e territorial no mundo.

Obama, a tensión como estratexia