Recuar do kirchnerismo

Este é o titular da maioría dos medios, xa que a alianza de forzas que apoian a Cristina Fernández ficaron nun segundo lugar nas principais provincias do país e ademais recuaron en relación coas anteriores primarias (PASO); as únicas que poden servir de comparación. Mais, esta pode ser unha interpretación precipitada, porque, como afirman algúns analistas arxentinos, o partido do goberno ten aínda moitas posibilidades de reconducir a situación ate que se celebren as eleccións a finais do mes outubro.
Ao kirchnerismo saíulle un competidor dende as súas entrañas, Sergio Massa, que llo pon difícil. Todo indica que vai recoller o voto de dereita e centro dereita opositor á presidenta. Algúns medios din que é o candidato da gran empresa. Chama a atención, que ambos se reivindiquen como peronistas, amosando que esta definición é mais asumir teoricamente un pasado, cun gran peso na conciencia das clases populares, que un proxecto económico e social para o presente. No peronismo dáse un amplo abano de opcións ideolóxicas, e a medida que pasa o tempo a terceira vía que representou este proxecto fica máis esvaecida e resulta menos críbel.
As forzas de esquerda, entendidas como as antisistémicas, tiveron un importante avance nestas primarias, sobre todo as trosquistas, que de conxunto acadaron un millón de votos. Facía moito que non obtiñan estes resultados. Vense como unha alternativa, mais xa comezaron os debates entre eles por ver quen ten maiores méritos. Sería positivo que estas forzas, ou outras, abanearan un chisco o ámbito institucional na Arxentina, que está cada vez máis afastado do acontecer na rúa.
O kirchnerismo foi un cambio moi positivo en relación co menemismo, e unha contribución  para que a América Latina rexeite dependencias, mais non foi quen de desenvolver unha economía autocentrada e mudar a correlación de forzas na sociedade. A exportación de carne substituíuse pola da soia e os minerais; e malia que medrou o emprego, os salarios non recuperaron o  perdido, axudando a abrir unha fenda cos sindicatos. Será Cristina Fernández capaz de recompoñer alianzas e superar estas eivas nestes dous meses...?

Recuar do kirchnerismo

Te puede interesar