Barullo na mudanza horaria

Todos os países europeos, incluídos os que non forman parte da Unión, veñen realizando dous cambios horarios ao ano seguindo a directriz dunha directiva comunitaria. E isto é así dende fai catro décadas e media, porén este ano o goberno finlandés solicitou formalmente a súa supresión en base a un razoamento de vantaxes e do seu contrario. O seu pedimento formal, sumada a unha sondaxe entre a poboación do continente na que participaron preto de cinco millóns de cidadás maioritariamente partidarios da opinión de eliminar as mudanzas de horario actuais, levou á Comisión Europea a facer anuncio da súa intención de suprimir os cambios de hora estacionais que veñen utilizándose, medida que entraría en vigor a partir do próximo ano unha vez que os Estados membros escollan se prefiren ficar co horario de verán ou co horario de inverno.

O debate está servido, con barullo nos faladoiros dos medios audiovisuais de prensa, e tamén dende o rigor científico de achegas que distan moito da unanimidade na proposta. Ao contrario, enfróntanse posturas totalmente opostas que ademais, por lóxico e necesario, botan reflexión sobre a utilidade de apostar por cambiar o actual fuso horario que é ben evidente para o ámbito estatal, e moito máis na situación xeográfica galega, optando polo que actualmente empregan no territorio Británico, Portugal ou nas Canarias. Certamente a decisión dos gobernos de Franco de adaptarse ao horario de Berlín pode clausurase definitivamente. 

Así, vén de realizarse no marco do Consello da Cultura Galega unha xornada científica para analizar a pertinencia do cambio estacional de hora e a súa racionalidade, con voces expertas que, para alén das consideracións de bondade a respecto da situación actual, introducen tamén outro aspecto fundamental a avaliar na toma de decisión nesta cuestión: A racionalización dos horarios de traballo á procura de conciliar a vida laboral, familiar e persoal.  Moi necesario, abofé. 

Máis aínda, aos debates engádese a enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas que vén de publicar unha estudio de opinión no que dúas terceiras partes da poboación opta pola extensión do actual horario de verán como fórmula permanente. Mágoa, iso representaría para a cidadanía galega que nos días de menor luz solar esta tardaría ata as dez da mañá en producir o amencer do día, moi distante da experiencia noutros lugares da mesma hora. Unha moi poderosa razón para decidir cambiar de fuso horario.

Barullo na mudanza horaria

Te puede interesar