A Unión Europea abanéase

Amobilización social non devece na Unión Europea, malia que os gobernantes, unhas veces dando a cara e outras agochándose detrás da Troica, impasíbeis ao sufrimento das clases populares continúan coas medidas de axuste en beneficio dos ricos e poderosos. Nos últimos días houbo folgas e manifestacións masivas en Greza, Portugal, Bélxica e Bulgaria. Neste último país o Goberno tivo que dimitir. En Greza e Portugal a mobilización é máis sistemática e amosa unha dirección política e sindical con obxectivos claros, que vai para alén do estritamente defensivo como acontece noutros estados da UE. Tamén son os países nos que o axuste é máis duro, porque vai máis avanzado.

A contestación irá a máis, porque as medidas de axuste seguirán, tanto nos países resgatados como nalgúns do centro do sistema, o que dificulta a saída da crise dos estados da periferia, que compiten polos mesmos mercados. Daquela, a deflación social interna para gañar mercados exteriores perde folgos como solución, xa que no seo da UE todos fan o mesmo, e ademais o euro volveuse apreciar restando capacidade competitiva nos mercados exteriores á Unión. E Merkel non está disposta a premer a baixa a moeda, xa que lle beneficia a Alemaña. Un circulo vicioso. Máxime cando se facilitan os despedimentos e se alenta a rebaixa salarial, redúcese o emprego e o investimento público, deteriorando aínda máis o consumo interno. A euforia do Goberno do Estado español polos bos datos do comercio exterior é exclusivamente estatística, xa que non obedece a un medre das exportacións (que xeraría emprego) senón a un afundimento das importacións pola caída do consumo e dos investimentos.

A UE é cada vez máis un problema e menos unha solución para as grandes maiorías, e moi especialmente as nacións da periferia. De pouco vale que sexa positiva a libre circulación de persoas e unha moeda única, se isto agrava as desigualdades sociais e territoriais. Hai momentos na historia das persoas, e das nacións, nas que se deben tomar decisións estratéxicas antes de que sexa demasiado tarde. Deixarse levar é un suicidio.

A Unión Europea abanéase

Te puede interesar