Encrucillada no camiño ao futuro

|

A encrucillada, ese lugar onde se cruzan os camiños, é metáfora ben acaída do tempo emerxente que afrontan as sociedades do mundo actual, sabendo que detrás da pandemia sanitaria que ocupa as nosas vidas no día a día cotiá virá un tempo novo para o que é preciso definir o porvir do universo máis axeitado á procura dunha saída que busca un futuro diferente e mellor, escollendo entre varias tendencias e opcións que aniñan no ámbito dos diferentes intereses confrontados, en función da posición de cada quen e do beneficio que move aos distintos sectores e colectivos. 

Con certeza, cando a luz do túnel indique a saída desta anomalía social causada pola epidemia vírica, estoupará a pugna entre as causas que buscan un mañá axustado a súa necesidade. Partindo dun presente que arrastra unha fortísima crise económica con desigualdade, pobreza, desemprego en cotas máximas, ocupacións precarias, exclusión social e outra manchea de efectos inxustos e perniciosos dos que son responsábeis as clases poderosas que impoñen políticas regresivas, recortes en materia social e laboral, debilitación do estado de benestar, freando medidas de redistribución da riqueza, da protección pública e promovendo privatización de servicios básicos universais, casos da sanidade, da educación e de outros que amosan agora, cando máis se precisa deles, os efecto do seu desmantelamento executado. En definitiva, a submisión dos gobernos ao poder dos mercados impulsando estratexias contrarias ao interese das maiorías sociais está a provocar unha innegábel desafección e indignación que terá resultado.

Por iso, asumindo que está cocéndose un inevitábel choque de intereses, coa súa diferenciada saída estratéxica para configurar o futuro próximo, son perfectamente detectábeis dúas tendencias radicalmente opostas. A clásica opción dos poderosos por preservar o seu status de dominio, á procura de manter o sistema actual; e se é preciso para elo, potenciar medidas de incremento dos aparatos de represión e control. Fronte a eles, a sociedade que precisa de alternativas de igualade, oportunidade de emprego digno, redistribución equitativa dos recursos, respecto pola diversidade e políticas de protección ecolóxica do medio ambiente natural. No medio delas, a táctica de “mudar todo para que nada cambie”, relatada no “Gattopardo”, escolla que buscará na modernización tecnolóxica e noutros remendos ás costura da inxustiza social o efecto óptico dunha alternativa de enganosa saída ás esperanzas da xente desfavorecida. Camiño de volta “á pescada que morde o seu rabo”. Verémolo decontado.

Encrucillada no camiño ao futuro