No Día da Patria, traballo e mobilización

Este Día da Patria Galega estará ateigado de carraxe, de noxo contido, pola morea de aldraxes contra as clases populares desta vella e rica nación. Unha taxa de desemprego altísima, malia a enxurrada de emigrantes e a baixa natalidade, a perda de dereitos laborais e a rebaixa dos salarios, a redución de prestacións básicas e a súa privatización, o aumento dos prezos de produtos de primeira necesidade e da presión fiscal.
E, por se non abondara, a fraude das preferentes e os dramáticos desafiuzamentos. Un panorama peor non parece posíbel, máxime cando a corrupción, os sobres, amosan a ligazón de intereses entre os partidos sistémicos e fortes grupos económicos e grandes fortunas. O sector agrario, pesqueiro, e unha boa parte da industria están en caída libre, e a banca con base no país foi afogada.
De toda esta desfeita seica ninguén ten unha responsabilidade directa, e cando a cuestión está acesa polas protestas na rúa, Rajoy bótalle a culpa a Merkel ou á Troica, e esta fai na Alemaña o propio acusando os países da periferia de gastar máis do que producen. Porén ningún racha con estas políticas que sumen á maioría na desesperación e mesmo na miseria, dá un golpe na mesa e fai cambios ¿será porque a unha poderosa minoría vaille ben, en todos os países, xa que aproveita a crise para aumentar lucros e poder?
A soberanía reside nos Estados que integran a Unión Europea ¡non a exercen porque non queren! Se, por exemplo, algún país decidise marchar do euro ou da UE saberíamos exactamente se xa son, como algúns afirman, un protectorado alemán. Mais non existindo ningún feito concreto, a non ser que Berlín ten un enorme peso económico e político, non deixan de ser hipóteses para eludir responsabilidades.
Hai aspectos nos que o Goberno, a Xunta e a burguesía, non poden buscar responsabilidades no exterior. Refírome concretamente á Lomce no ensino, ao desleixo co que se trata a nosa historia e cultura, e á falta dos recursos necesarios para dar un trato igualitario á lingua galega, secularmente marxinada. A solución a estas eivas e atrancos dependerá (coma sempre) de: soberanía nacional, traballo, poder popular e mobilización social.

No Día da Patria, traballo e mobilización

Te puede interesar