Adecisión do goberno arxentino de nacionalizar a empresa YPF, xestionada por Repsol, evidenciou a estreita relación da actividade dos partidos máis sistémicos cos intereses das grandes empresas e bancos. Tanto o PP como o PSOE, mesmo o sindicato CCOO, apresuráronse en defender a continuidade do negocio lucrativo da empresa enerxética, apesar das xustas críticas suscitadas polas súas actuacións en Latinoamérica. Todos eles confunden os intereses das grandes comporacións cos do país, cando non son sempre coincidentes, cando na prática a riqueza xenerada por elas fica cada vez máis nas mans duns poucos.
Estes grandes partidos, aínda coas súas formas democráticas e perspectivas eleitorais, levan anos servindo e gobernando só ao servizo dos mercados. Peden os votos dos cidadáns para chegaren ao poder, mais despois cando están no goberno esquecen sistematicamente a vida, e as condicións laborais e sociais da maioría deles. Isto constitui unha perversión completa dos alicerces democráticos e acaba no desprestixio do sistema. En realidade, apenas están ao servizo dunha elite económica, e ao disporen dun amplo e sólido aparato mediático e propagandístico, e ao actuaren nunha poboación pasiva e de escasa cultura política, mediante meias verdades e falsas promesas, como foi o caso de Rajoy na última campaña, conseguen chegar ao poder para faceren o contrario do que desexa a maioría.
Os cidadáns comezan a coñecer e a experimentar en carne propia esa realidade oligárquica e corrupta, na que políticos, empresarios e banqueiros forman o mesmo grupo de poder, colaborando e apoiándose mutuamente nas adxudicacións institucionais, no financiamento dos partidos, na colocación de empresarios como políticos e de políticos que acabaron a súa carreira como asesores desas grandes empresas. A costa de beneficiar a unha minoria prexudicase ao 99% da sociedade, a todas as clase populares, eliminando os direitos socias constitucionais e arrastrándoas sen compaixón á precariedade, ao desemprego e á miseria. Todo o anterior levado na máis absoluta impunidade política e xudicial, produce unha democracia litúrxica e de baixísima intensidade como é a española. Esta é a situación dramática que se vive hoxe nos estados ocidentais que asumiron as políticas neoliberais.
Non estaban descamiñados os ideólogos do 15-M na súa diagnose, cando hai un ano denunciaban a corrupción e goberno de políticos e banqueiros. Nin tampouco os membros de Occupy Wall Street, cando despois volveron teimar na idea da democracia secuestrada polos poderes financeiros e as grandes corporacíóns. En moitos lugares xa se nota unha mudanza de paradigmas políticos. Mais na Galiza continúase a practicar a vella e mediocre política, tamén xenerando novos proxectos galeguistas que nacen mortos porque parten só das necesidades autistas de colocación de castes políticas e non das ganas de resolver con transformacións profundas e progresistas os numerosos problemas que padece a sociedade.
Urxe a rexeneración da democracia e a criación de novas organizacións dispostas a cumprir con ética os seus programas e a respeitar a vontade dos votantes. Se as remuneracións dos cargos institucionais xa son desmesuradas, máis grave é que cobren sen rubor por faceren o contrario do que prometeron.