O capitalismo senil

Oexipcio Samir Amin afirma que o capitalismo está na súa etapa senil. Este recoñecido economista crítico define deste xeito tan gráfico un sistema económico e social, e un modo de vida, que no seu día representou un avance sobre modelos anteriores, e que a esta altura só se pode apresentar diante da maioría da humanidade co argumento de que é “o menos malo”.
Nas últimas décadas, malia os inmensos avances técnicos e científicos, medrou a destrución da natureza e avanzou o esgotamento de recursos minerais e enerxéticos, creceu a desigualdade social e territorial, recuouse nos dereitos democráticos e laborais, acentuouse a inxerencia en terceiros países, teñen un peso decisivo a economía delituosa, a especulación e a corrupción, e intensificouse a agresión contra culturas e linguas dos pobos dependentes.
A revolución informacional, un dos maiores avances da humanidade, utilizouse por parte das clases dominantes para alentar a alienación social, dándolle ao “circo” un papel relevante, en lugar de servir para dar pulo á cultura e á formación.
Ten razón Amin cando di que ficamos na etapa senil do capitalismo, porque a esta altura non está claro cal é o proxecto de futuro das clases dominantes. Semella que o único obxectivo é obter maiores lucros para adquirir bens e ter poder neste momento, sen atender que o modelo é insostíbel, e que estamos deixando un mundo ateigado de problemas sen solucións para as futuras xeracións. Díxose que, co fin da “guerra fría” entrabamos nunha era de paz e diálogo, mais isto non é verdade, hai conflitos nos catro cantos por mor da inxerencia externa das potencias hexemónicas e polo sectarismo relixioso.
Ademais, existe unha confrontación evidente, que vai a máis, entre as vellas potencias imperialistas e as emerxentes, os Brics, que se disputan o reparto do mundo, malia que (neste caso) non defendan sistemas alternativos. O dito, o único obxectivo semella ser o de obter os máximos lucros por parte dunha minoría poderosa, sen considerar os custes, para exercer o poder dun xeito absoluto. Imponse a irracional e primitiva lei da selva, malia que se empreguen os adiantos técnicos máis sofisticados.

O capitalismo senil

Te puede interesar