Unha reforma fiscal do PP. ¡Tremamos!

OGoberno seica fará unha reforma fiscal coa finalidade de rebaixar a presión impositiva e reducir a defraudación. Parece algo positivo, xa que non é lóxico que exista unha maior presión sobre o traballo que sobre o capital, que as pequenas empresas paguen unha taxa real máis alta que as grandes, e que os impostos indirectos sexan superiores aos directos.
Mais, se consideramos os antecedentes, podemos ter plena seguridade que a reforma do Goberno non vai solucionar estas eivas. Teimará nas medidas fiscais regresivas coa xustificación de favorecer as empresas para xerar emprego, polo que volverá recortar a presión impositiva sobre as grandes fortunas e altos salarios.
E, no colmo do cinismo, mesmo verémolo empregando o falso argumento de que así se rebaixará a defraudación empresarial, e que aumentarán os ingresos fiscais. Pura leria, que esquece o comportamento destes empresarios, que mesmo converteu nun fracaso a moi xenerosa amnistía fiscal do inicio de mandato de Rajoy.
En todo caso, antes de realizar calquera reforma impositiva cómpre facer unha seria campaña de persecución da fraude, poñendo os medios humanos necesarios. Din os especialistas que hoxe un 80% da fraude concéntrase nas grandes empresas e fortunas. Solucionar esta eiva é fundamental, porque cada ano pérdense 60 mil millóns de euros por esta vía. Todo fai pensar que, para alén das declaracións, non se quere apertar (someter ás normas) a estes grandes grupos económicos.
Están por riba do poder político, polo que se torce a vontade popular. Ademais, non só se trata de que pagan menos impostos, senón que no colmo da inxustiza e da competencia desleal, reciben cuantiosas subvencións e contratos públicos. De non solucionar a fraude, o trato desigual aos poderosos en materia fiscal, ¿que poden esperar de positivo a clase traballadora, os pensionistas, os pequenos empresarios, da reforma fiscal prometida polo PP?
Calquera reforma impositiva debe contar cun amplo consenso, descentralizar a xestión de ingresos e gastos, e ser progresiva. Mais, sería de parvos ou inocentes esperar que Rajoy aposte por unha reforma progresista, polo que: tremamos!

Unha reforma fiscal do PP. ¡Tremamos!

Te puede interesar