Ésignificativo que aumente o gasto militar malia a crise e a incerteza sobre a evolución da economía, xa que o reaxuste non rematou. Os medios occidentais tenden a destacar que potencias emerxentes, como China, non declaran todos os gastos, mais outro tanto fan as tradicionais potencias hexemónicas, encetando polos EEUU. Neste caso existe un inmenso e opaco tecido de “oficinas” dependentes do Departamento de Estado, e contratistas privados, que cumpren funcións militares ou ao servizo destas actividades. Daquela, imos tomar por válidas as cifras oficiais en todos os casos, fuxindo das apreciacións interesadas, non xustificadas con datos concretos, e co único interese de procurar maiores recursos para o complexo militar. Segundo o Instituto Internacional para Estudos Estratéxicos, en 2013 o gasto militar dos EEUU foi superior ao das outras nove nacións que o seguen. Concretamente 600.400 millóns de dólares sobre 1.116.000 millóns, ou sexa, o 53,7%. O que amosa a importancia do complexo militar na sociedade norteamericana. Entre estes 10 países figuran catro dos BRICS (China, Rusia, India e Brasil), o resto son aliados dos EEUU. A proporción do gasto destas catro potencias emerxentes é de 22,5%, é dicir: tres veces menos que o bloque hexemónico. A diferenza é tan abismal que considerar que estas novas potencias podan ter unha actitude agresiva non ten ningunha base. Outra cousa é, que tendo algunhas delas armamento atómico, unha intervención tipo vaqueiro, como as que fai Washington con frecuencia, sexa imposíbel.Por último, chama a atención que Arabia Saudita sexa o cuarto país con maior gasto militar, 59.600 millóns de dólares, case que un 10% do PIB. Un aparello de guerra que cada vez usa con maior frecuencia, utilizando o sectarismo relixioso para afastar toda democratización das súas fronteiras. No actual axuste económico-social e territorial, o aspecto militar segue a ser decisivo, para alén das boas palabras.