Das intoxicacións

|

Sempre se dixera que a Política fai estraños compañeiros de cama. Pero ademais diso, tamén en certos momentos fai medrar os fungos da envexa, do rancor e da mentira. Especialmente se o factor dominante é a mediocridade. Os períodos de campañas electorais, son especialmente propicias a dimes e a diretes, e a intentar deixar en evidencia que segue vixente aquilo do todo vale con tal de eliminar ao adversario. O primeiro en naufragar nestas guerras absurdas é a verdade. Intoxicar é un atentado á intelixencia, e demostra que quen o pon en práctica ten un importante déficit de confianza nas súas propias posibilidades. Son escusas de mal pagador. Por iso recorren a minar campos espallando mentiras e sementando dúbidas que saben perfectamente que son infundadas. En Cataluña están a facer presente esa pantasma da manipulación, achacándolle a Salvador Illa unha serie de cousas que non son verdade. 


Ademais lanzan os ataques e crean unha conspiración de sospeitas que non acreditan con ningunha proba que demostre o que din. E ademais ten efectos contaxiosos. Empeza un candidato e os demais intentan facer as mentiras dun calibre aínda maior. E coma nunha ruleta rusa cada vez máis ousada, están uns e outros enredando para desprestixiar sen base nin probas. Está claro que o medo é libre e o pánico a perder provoca estas escenas surrealistas. Tanto é así que os independentistas asinan un acordo para conxurarse todos e evitar pactar con Illa tras as eleccións. É unha proba de debilidade e de manexar datos que alertan dun naufraxio. Sabemos que só cando as cousas pintan mal, e para garantir a propia supervivencia, un se preocupa de localizar os botes salvavidas.


Achegarnos ten a intimidade serena dun latido -dixo El – e a inmensidade sinxela de vivir nos teus ollos. Mudan continuamente as estacións, pero non hai mundos maiores que sentirte...

Das intoxicacións