Por un país que medra grazas a outros

Por un país que medra grazas a outros
El Ideal Gallego-2015-05-14-015-4e7f6699_1

Nesa intención de coller de aquí e de acolá para facer que a educación sexa o máis diversa posible, a ONG Viraventos vén de publicar o conto infantil “Mundo de Cores”, que conta coa pluma de Maruxa Blanco e o lápiz dos ilustradores María Romero e José Souto. A organización, que presentará a historia hoxe ás 19.00 horas en Fnac, ten como obxectivo ir contra a marea que fala da inmigración como un problema que rapidamente asocian á pobreza e a dificultades cando a realidade é que o país suma e non resta coa presenxa de xente de tan distinta procedencia.
O director da entidade, Xabier Macías, explica que nesa teima publican o relato que protagoniza Senegalega, unha nena que se enorgullece por poder bailar a muiñeira á vez que come dátiles da terra senegalesa de onde é o seu pai. A pequena amosará ao resto de cativos o seu mundo, que se alimenta dos tesouros de Galicia e de África e fai que a rapaza engorde con miles de caloríes culturais e históricas.
Neste aspecto, Viraventos acadará coa venda do libro máis fondos para os seus proxectos diversificadores e unha acción social que pasa por darlle apoio a todos aqueles que veñen á cidade en busca de traballo. Conta Xabier que do mesmo xeito que un día lle tocou aos galegos marchar, agora son eles os que tocan á nosa porta. É por esta razón que axudan aos que están pasando por complicacións económicas a establecerse e tirar para adiante. Nun mundo no que, segundo o responsable, hai moitas fallas en canto ás políticas de acollida e inmigración. Viraventos foi un dos colectivos que promoveu o acto reivindicativo do sábado pasado contra a forma de actuar dos pobos mediterráneos neste tema.
Por outra parte, o conto ten segunda parte cunha páxina web, na que os nenos saltarán das páxinas a internet para xogar con Senegalega e  realizar actividades complementarias en casa e na escola, nas que sen querer aumentarán a súa colección de coñecementos. O espazo ten a opción de ser visto en galego e castelán, pero tamén en wolof, que é o idioma no que falan en Senegal.
Se ben xa levan feito postas en escena nos colexios con contacontos, “Mundo de cores” é a súa primeira publicación física. Di Macías que a idea é aumentarlle novos capítulos. Porque todo conta, Viraventos traballa porque as futuras xeracións leven na mochila o que os seus compañeiros de pupitre que non son de aquí lles poden ensinar. Do seu pobo e os seus costumes. Para facer do país, un lugar máis habitable e máis rico. Desde a rúa Barcelona, a organización  loita desde 2007 por conseguir unha maior interculturalidade e xustiza, por medio tanto da intervención directa e a sensibilización da poboación. Desde o respeto, a igualdade e a cohesión social.

Por un país que medra grazas a outros

Te puede interesar