O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia pertencente á Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolveu máis de 153.000 incidencias de xaneiro a setembro do 2015 mediante a mobilización dos recursos de emerxencias en 251.000 ocasións. Das 832.000 chamadas atendidas no CAE 112 Galicia neste período, o 30 por cento derivaron en situacións de urxencia que precisaron, na maior parte dos casos, da asistencia sanitaria e da intervención das forzas da orde e dos servizos de rescate e extinción de incendios, isto é, bombeiros, grupos supramunicipais de emerxencias (GES) e axentes de Protección Civil.
Así, o 44 por cento das intervencións estiveron relacionadas con incendios urbanos e industriais, rescates, fugas de gas, derrames e verteduras de substancias, recollida de animais e a activación de plans especiais de protección civil; o 31 por cento coa atención sanitaria; o 15 por cento con seguridade cidadá e o 9 por cento restante con accidentes en estradas, laborais, ferroviarios e marítimos.
As provincias da franxa atlántica continúan a ser as que mais emerxencias rexistran, así, A Coruña aglutina o 37 por cento e Pontevedra o 36 por cento. Ourense e Lugo, cun 13 e un 12 por centro respectivamente, suman o 25 por cento restante.
O 112 Galicia renova unha vez máis o selo de calidade
O CAE 112 Galicia conta cun sistema de control e xestión da calidade do servizo. De feito, o pasado 15 de setembro, foi renovado o certificado pola Norma ISO 9001:2008 e o pasado mes de abril foi outorgada ó CAE 112 Galicia unha nova certificación de calidade promovida pola Asociación Europea de Números de Emerxencia (EENA).
O obxectivo da Axencia Galega de Emerxencias é acadar un sistema cada vez máis complexo que garante a correcta prestación do servizo e colme as expectativas dos usuarios.
Neste senso, o máximo compromiso do servizo 112 acadado coa cidadanía foi a publicación e aprobación da Carta de Servizos, que recoñece a participación da sociedade no deseño das institucións públicas en consonancia coas súas necesidades e esixencias.
Son, precisamente, os sistemas de control da calidade na atención ao cidadán, así como a revisión, renovación e actualización dos protocolos de actuación e tratamento das emerxencias o que permite, entre outras cosas, que as chamadas ao 112 Galicia se contesten en apenas tres segundos e as emerxencias se xestionen en 24, sempre por debaixo dos obxectivos fixados.
500.000 visitas á web
A páxina web do CAE 112 Galicia (www.axega112.org) continúa a ser un referente de información para a cidadanía, pois, ademais de resumos sobre os sucesos máis destacados, se pode consultar unha guía de consellos de autoprotección para previr accidentes en estradas, no mar, no río, en piscinas, ante episodios de meteoroloxía adversa, en eventos con afluencia masiva de público; incendios, enxames, etc. Igualmente, a través da páxina web, se informa á poboación da activación de alertas por meteoroloxía adversa e dos plans especiais de protección civil. Por iso, ata o pasado mes de setembro, a web recibiu medio millón de visitas.
Prevención e anticipación
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) traballa nas formas de atallar e anticiparse aos riscos potenciais, por iso, é parte activa de moitos dos simulacros de emerxencias que se realizan na Comunidade. A través do CAE 112 Galicia, se ofrece, ao organismo que o solicite, a cobertura e a coordinación dos recursos de emerxencias intervenientes nos exercicios simulados.
De xaneiro a setembro do 2015, o 112 Galicia participou en case un 136 simulacros, na maior parte, solicitados por centros educativos, pero, tamén promovidos pola propia Administración, cuxa misión é a posta a punto dos plans especiais de protección civil.