Eran algo máis das 20.30 horas cando Xosé Luís Méndez Ferrín poñía o último pé na sede da Real Academia Galega. Nese momento, o presidente comunicaba na porta que abandonaba completamente o organismo. Acompañado da súa xunta directiva e do académico Darío Xohán Cabana, Ferrín aseguraba antes de subirse a un taxi que a RAG estaba en perigo e que existían forzas internas e externas que estaban a atentar contra ela.
Fronte ás ameazas, o ourensán decidía voltar a súa paisaxe nativa. O poeta manifestaba que a súa intención era agora a de regresar ás asociacións culturais e políticas pertencentes á esquerda nacionalista que “si defenden o meu idioma”. Aínda así, Ferrín afirmaba que sempre defendería a institución e chamaba ao pobo galego a que fixera o mesmo “coas asechanzas que pesan sobre ela”. Visiblemente emocionado, Ferrín facía estas declaracións xunto a súa man dereita, o secretario Xosé Luís Axeitos; o vicesecretario, Francisco Fernández Rei; o tesoureiro, Manuel González; o arquiveiro, Euloxio Rodríguez Ruibal; e o académico Darío Xohán Cabana.
Tras as verbas para a prensa, Ferrín e o autor chairego erguían o puño esquerdo nuns intres moi tensos nos que se vían enteiramente afectados polo acontecido de portas para dentro. A xunta directiva fundíase en longas apertas co que decidía baixarse do barco o pasado 25 de febreiro e non faltaban as bágoas e a impotencia contida nás súas facianas. As caras dos académicos e o feito de que o pleno durou unha hora máis do normal apuntaban a que a sesión non estivera exenta de conflito.
Pola súa parte, os académicos non aceptaban a súa renuncia en calidade de numerario e acordaban por unanimidade deixar a súa cadeira sen cubrir. O escritor Manuel Rivas explicaba ao remate da sesión plenaria que era unha forma de despedir a Ferrín con honra e gloria: “A cadeira queda aí” por se o ourensán decide nalgún momento regresar. Ademais, vinte dos reunidos lían un escrito no que lamentaban a marcha de Ferrín e no que valoraban positivamente o feito por el desde xaneiro de 2010.
Os académicos decidiron por unanimidade deixar a súa cadeira de numerario baleira
A Real Academia Galega ten agora tres meses por diante para elexir ao próximo responsable. O secretario Xosé Luis Axeitos asumía a presidencia en funcións e vaticinaba que o escollido sairá moito antes do prazo estipulado. Neste período de transición, a institución cumprirá cos comprimisos que tiña adquiridos.
Por outra parte, os académicos aprobaron na orde do día as contas de 2012 e os orzamentos para este ano, que aparecen publicados na súa páxina web co fin de evitar controversias. Outra das novidades que se acordou na sede da rúa de Tabernas será a creación dunha comisión para facer as novas contratacións da RAG. Rivas dicía que no manifesto que facían público ao finalizar “as cousas están bastante claras” e teñen “moita substancia”. O coruñés lamentaba a marcha de Ferrín pero finalmente ninguén máis renunciará até o de agora ao seu posto.