“A miña obra máis importante estará en castelán e catalán”

“A miña obra máis importante estará en castelán e catalán”
El Ideal Gallego-2015-08-07-010-04a52c22_1

A literatura infantil ten cada vez maior presenza na Feira do Libro. Está nos postos, pero tamén na parte activa do evento. María Solar, autora de “O meu pesadelo favorito” (Galaxia), estivo onte falando de como a partir dunha frase: “Manuel púxose malo da tripa e o seu pai chamou ao veterinario”, contactou de vez co mundo do absurdo, que é a base que sustenta a historia. 
Nela, o lector máis cativo achégase á vida dun rapaz peculiar que ten un can verde e naceu unha semana despois do seu irmán xemelgo: “Intento facer ver que o distinto é bo”. A raíz da inxesta dun medicamento animal, o pequeno terá un soño tras outro e nesas situacións oníricas é onde a escritora aproveita para dar vida a personaxes insólitos. Así, conta María que aparece Arsenio Matute, que leva este apelido en homenaxe á autora falecida: “Logo cando gañei o premio Lazarillo en 2014 entereime que facía 50 anos que ela o recibira tamén”. 
Arsenio é un vendedor de recordos de olores. Algo tan xenial como este señor posibilita aos habitantes deste mundo irreal recuperar os aromas da súa aldea e dun amor correspondido: “Outro dos favoritos é a repartidora de bicos, que traballa nun almacén onde están rexistrados todos os bicos”. Aquí están os que se deron e tamén os que non se deron. 
Ela recuperáos cando a xente os precisa nos seus soños. O libro preséntase na feira en galego, da man de Galaxia, e tamén en castelán, con Siruela, que quixo para a súa edición en tapas duras as mesmas ilustracións, asinadas pola coruñesa María Lires. En setembro, Manuel falará tamén en catalán porque “quero escribir en galego, pero tamén que se entenda en todas as partes”. 
Nese ambiente normalizador “moi bonito”, as dúas firmas editoriais compartiron onte presentación. Dun volume que leva o galardón Lazarillo 2014 e que xoga co humor e cos sentimentos: “Igual que cos extraterrestres, riste, cos bicos cáeche unha lagrimiña”. Solar  asegura que non é consciente dos seus referentes: “E si de que quería xogar cos sentimentos”. 
Esa intención casa co espírito onde se enmarca a colección “Las tres edades”, de Siruela, que se dirixe a lectores de oito a 88 anos: “Esa é precisamente a miña filosofía porque un neno se queda dunha maneira superficial coa historia, unha aventura máis, e os maiores chegan ata a profundidade do asunto”. É por iso que “O meu pesadelo favorito” ten en conta todos os niveis de lectura. 
María Solar leva escribindo toda a vida. Publica desde hai sete anos e recoñece que “vai todo fabulosamente” porque ademais deste, traducirá ao castelán “A verdadeira historia da mosca da tele”, con Anaya, para continuar con “As meigas de Lupa”, que tamén terá o ano que vén unha segunda versión cando a galega vai pola cuarta: “A miña obra máis importante estará en castelán e catalán”. 
Desa proxección máis alá de Pedrafita, María explica que “metín un peíño e é moi importante que saia de aquí e teña percorrido fóra”. Os nenos poderán alimentar o seu maxín con literatura do país e tamén co concerto que Magín Blanco ofrecerá hoxe, ás 20.00 horas, na carpa da Semana da Música inspirado no libro-disco “Gatuxo”.

“A miña obra máis importante estará en castelán e catalán”

Te puede interesar