FalaRedes arranca cun concerto que achegará aos nenos a poesía de Manuel María

Copia de El Ideal Gallego-2016-02-21-021-00620b72
|

O Programa FalaRedes 2016 arrancou onte no Auditorio de Ourense con “Todo me fala de ti”, un concerto a cargo de Uxía e Magín Blanco, que interpretaron poemas de Manuel María para que o público infantil se achegue á lingua galega.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organizadora do acto, conmemorou deste modo o Día Internacional da Lingua Materna. O acto central do día celebrouse no auditorio de Ourense co gallo da estrea do traballo dos dous artistas galegos, que supón a actividade inaugural desta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

pequena homenaxe
Dentro dos actos de celebración desta efeméride, o conselleiro Román Rodríguez, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, asistiron á dita actividade, que á súa vez foi tamén unha pequena homenaxe a Manuel María, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Deste xeito, os músicos Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro amenizaron a xornada, cantando os textos do poeta da Terra Chá nun concerto pensado para os máis pequenos da casa e as súas familias. 
Neste sentido, e ao tempo que difunden a obra de Manuel María entre os máis novos, tamén amplían o repertorio de música infantil en galego gracias as cancións que forman parte do seu disco “Canta o cuco”.

educación de calidade
Nesta ocasión, a Unesco escolleu o tema “Educación de calidade, lingua (-s) de instrución e resultados da aprendizaxe” para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna, facendo fincapé así na importancia das linguas maternas para a educación de calidade e a diversidade lingüística co obxectivo de seguir avanzando na aplicación da nova Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
Na mensaxe da Unesco recóllese que “o plurilingüismo é esencial para a consecución destes obxectivos e para o logro da Axenda 2030 no seu conxunto, desde o relativo ao crecemento, o emprego e a saúde ata o consumo e a produción sostibles e o cambio climático”, unha recomendación que coincide coas liñas desenvoltas pola departamento educativo da Xunta de Galicia ao abeiro do Decreto do plurilingüismo.

novas propostas
Coa estrea de “Todo me fala de ti”, o programa de dinamización lingüística “FalaRedes” chega á súa quinta edición cargado de novas propostas para gozar do tempo libre en galego, que se desenvolverán a partir deste mes de febreiro nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística.
Así as cousas, a programación de “Todo me fala de ti” desenvolverase ata o mes de maio nos concellos da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Vilalba, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Cangas, A Estrada, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal).
Os obxectivos desta iniciativa pasan por ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva entre a sociedade, así como apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destacou de que concertos como o de onte facilitan transmisión interxeracional do galego, o que é unha das liñas de traballo prioritarias da secretaria” e insistiu que dende a Xunta se intenta “incidir sempre” en actividades destinadas a que as novas xeracións tamén falen en galego.

FalaRedes arranca cun concerto que achegará aos nenos a poesía de Manuel María