Vázquez: “Quizais non se pode pedir en ataque o que non podemos dar”

Vázquez: “Quizais non se pode pedir en ataque o que non podemos dar”
Copia de Deporte Campeón-2013-10-13-004-ad442347

Fernando Vázquez afrontará o partido do Miniestadi sen un dos indiscutibles no inicio da tempada, Pablo Insua, pola chamada da selección sub-21, pero as convocatorias internacionais prexudicaron máis ó Barcelona B.
“Afortunadamente, tócanos contra un equipo que tamén perde futbolistas. Eles teñen problemas e a ver se somos capaces de sacar partido desa situación un pouco limitante que ten nalgunhas posicións”, comentou tras o último adestramento, con présa para saír cara a Barcelona.
Alí, en principio, volverá ao sistema 4-1-4-1. “Non quero dar a sensación de que ando á deriva dun a outro lado, senón que estou a buscar dar máis amplitude. Se uso ese sistema, é volver ao de principio de tempada, como en Las Palmas ou ante o Sabadell. Volvo un pouco á normalidade. O cambio a dous dianteiros poderiamos dicir que foi un pouco excepcional. De todos os xeitos, os sistemas non gañan os partidos, gáñanos os xogadores, o ritmo, a velocidade”, razoou o preparador deportivista.
No once, unha das novidades será a presenza de Javier Arizmendi, recuperado das molestias que lle impediron xogar ante o Mirandés. “Se é da partida, espero que estea confiado, que confíe nas súas posibilidades e síntase forte”, indicou.
Na outra banda estará Rudy. “Está en franca progresión e melloría. Hai que recordar que el estivo lesionado, que pasou un mes parado e creo que nos vai dar moito máis, fixo un partido decente o outro día e está a crecer a nivel particular e espero que siga integrándose ao equipo”, sinalou o técnico de Castrofeito.
Esta semana, no adestramento do xoves, corrixiu enerxicamente os seus xogadores. “Sempre o fago, pero ese día había prensa demasiado preto”, comentou.
O técnico lamentou os tropezóns na casa e explicou que intenta encontrar remedio aos males: “Non quero pensar onde estariamos se na casa tivésemos conseguido mellores resultados. Sigo buscando melloras para gañar con solvencia na casa. A vitoria non está lonxe, pero as vitorias son de calidade e quizais nos está a faltar un pouco de calidade no sentido xeral da palabra”.
O Deportivo pisa firme en defensa pero coxea en ataque. “Estamos preto, pero aínda lonxe, da excelencia defensiva e máis atrasados no aspecto ofensivo do xogo. Estamos a traballar para mellorar, pero tamén dentro das nosas posibilidades. Non hai que poñer unha auto esixencia ilimitada porque quizais non podes pedir o que non podemos dar”, admitiu.
O técnico afirmou que “disputarlle a pelota” ao conxunto azulgrana “parece complicado”, e anunciou que o seu equipo intentará contrarrestar ó filial azulgrana con “organización”.
 “A ningún equipo lle resulta doado facer dano a un equipo posicionado e repregado como vimos no partido de España. Non imos estar tan atrás como Bielorrusia, pero o aspecto defensivo vai ser fundamental”, declarou. “O Barcelona B domina perfectamente o fútbol que fai, os seus xogadores son novos, imos encontrar un equipo que vai saír a xogar, a dominarnos, que xoga con alegría, desenvoltura, que non mide as consecuencias do resultado e, polo tanto, así sempre xogas mellor”, alertou.

Vázquez: “Quizais non se pode pedir en ataque o que non podemos dar”

Te puede interesar