Betanzos - “Castelao, Blanco Amor e Seoane eran os seus amigos, pero dos de verdade”

El Ideal Gallego-2011-07-22-023-4d34efac Ánxel arcay barral
estudoso de lópez garcía-picos

Traballou nunha farmacéutica, foi cobrador do Centro Galego de Bos Aires, e ata futbolista. Pero García-Picos, betanceiro ante todo, nunca deixou de ser un músico tenaz que, de Arxentina a Francia, sempre pensou en Betanzos. Arcay Barral, igual de betanceiro ca el, é o estudante de Historia que, logo dun ano de investigación, acaba de presentar, con resultado
de matrícula de honra, o Relato de Vida de “O Chapa”.

entrevista de lucía tenreiro

Ánxel está orgulloso do seu paisano. Carlos, se vivira, estaría orgulloso do seu veciño de A Magdalena. Un e o outro, Arcay Barral e López García-Picos, fuxen das ostentacións.
—Por que Carlos López García-Picos?. Por que “O Chapa”?
—Dentro dos Métodos de Investigación Histórica, chama a miña atención o Relato de Vida, que é como trazar a biografía dunha persoa desde o punto de vista histórico. Esta investigación duraba un ano, así que tiven claro que ía traballar sobre alguén de Betanzos, e empecei a pensar en personaxes, a comentar o tema coa xente, e a maioría suxería os García Naveira ata que un día, falando coa miña nai, xurdiu “O Chapa”, e tendo en conta que non había nada escrito sobre él agás algún artigo de prensa... Consultei coa profesora, tirei do fío e, pouco a pouco, reconstruín a súa vida...
—Chegou a falar con el sobre este asunto, do seu interese?
—Non. El faleceu en decembro de 2009 e a miña investigación comezou en xullo de 2010. Eu falaba con el, pero nunca sobre a súa vida. É máis, é algo que recollo no traballo, en Betanzos ninguén sabía quen era López García-Picos, o que tiña detrás, a xente coa que se relacionou... O propio tribunal que valorou o estudio puxo de manifesto a importancia que pode chegar a ter esta figura cando se coñeza toda a súa obra.
—Por que cree que Betanzos non coñece a Carlos López García-Picos? En que medida pode ter influido o seu carácter reservado e moi coidadoso da vida privada, a súa personalidade?
—Era moi humilde pero, o mesmo tempo, tiña esa chulería... esa soberbia que facía imposible discutir con él sobre algúns temas, como a música, porque deixaba claro que ninguén sabía máis que el. Nas entrevistas orais coa familia, tanto cos de Betanzos como cos da Arxentina, todos insisten en que nunca lle importaron os cartos, que se quixera ser rico o seu final non sería o mesmo, pero el era así, á súa maneira...
—Vostede trata de fuxir do relato habitual, do que sempre se contou de García-Picos.
—Si, por iso falei coa xente que conviviu con él, na Arxentina ou en Betanzos, desde os alumnos aos que lles deu clase de música, como Pedro Grela ou Fátima Carro, ata os amigos, como Carlos González, ou emigrantes que coincidiron con él en Bos Aires.
—Non desbota a posibilidade de ampliar o seu traballo e falar coa súa única filla, Teresa.
—A miña intención é seguir e, si, interésame coñecer as opinións de Teresa, e a de Javier Etcheverría, que tamén foi unha persoa moi importante na súa vida, que se preocupou de que ao final dos seus días non lle faltase de nada.
—Qué é o que máis lle chama a atención do que puido atopar ata o de agora da súa vida?
—A súa relación coa intelectualidade galega. Foi amigo de Castelao, de Seoane e de Blanco Amor, que foi quen en teroría buscou os cartos para que puidera ir a París. Ademáis, eran amigos de verdade, non coñecidos cos que pode coincidir un día no Centro Galego de Bos Aires. E iso ao mellor os betanceiros non o saben...
—Pero aquela frase de Castelao, na cama do Sanatorio do Centro Galegao de Bos Aires: “Ti has chegar moi lonxe, rapaz”, está na memoria individual de moitos betanceiros.
—Dalgún sí, pero non de moitos. A maioría, aínda que estou seguro que o coñecía de vista, non imaxiña o que había detrás.
—Que puido saber da súa estancia de seis anos en París?
—Ata agora, pouco: onde e con quen estudiou. Tamén puiden confirmar que sempre estivo moi relacionado coa colectividade galega, e que durante a súa estancia en París achegóuse en varias ocasións ata Betanzos. Unha desas veces coñeceu a Antonio Fafián, que logo foi alumno seu en Os Rumorosos, e á súa curmá Tonecha, coa que tamén falei. En calquera caso, en París está todo dixitalizado, e aínda que non será fácil atopar detalles, o seu expediente académico debería estar alí.
—En Francia, foi alumno dos grandes músicos de Europa.
—Dos mellores. Jacob Fisher, discípulo de Rimski Korsakov. Messiaen, Milhaud, Wissmer...
—Con que figura da intelectualidade tivo mais relación?
—Penso que con todos, pero Blanco Amor foi quen, ao parecer, xuntou os cartos para que fora a París. Iso non o fai calquera.

Betanzos - “Castelao, Blanco Amor e Seoane eran os seus amigos, pero dos de verdade”

Te puede interesar