Bodegas escolle o Colón para xubilar “O día que empecei a odiar os iogures...”

Bodegas escolle o Colón para xubilar     “O día que empecei a odiar os iogures...”

Rober Bodegas vén ao teatro Colón a xubilar o venres e sábado, ás 20.30, o espectáculo “O día que empecei a odiar os iogures...” por iso de que non pasou nunca pola cidade nin na adolescencia nin na madurez cando o carballés comezou a destripar en Barcelona e en Madrid os anuncios de televisión e a mudar os monólogos segundo os spots ían cambiando. O humorista incidirá así nas falsas mensaxes que intentan facer crer que comendo determinados produtos, “todos estaremos guapos, sanos e delgados” para ir até as novidades do mercado e falar do novo Colacao con pepitas de chocolate que se van directas ao fondo do vaso ou da campaña de Carmen Machí.

Miudeces que farán ventilar a retranca do que foi puntuado cun nove na web de “atrapalo” e que hoxe volta á cidade na que estudiou e a que lle sacou punta con eses buses vermellos que nunca dan chegado.

O humorista coruñés cre que a televisión abandonou aos espectadores entre 20 e 40 anos coma el

Na actualidade, Rober compaxina os shows coa canle on line “Solocomedia” que creou o ano pasado con Ángel Martín e Alberto Casado. Os tres disidentes de “Sé lo que hicisteis” decidiron montar unha web dirixida a persoas de 20 a 40 anos, cansados coma eles de que a televisión reciclase fórmulas obsoletas. Bodegas comentaba que “a tele abandonou á xente como os que estamos aquí” e os que mandan levan vinte anos explotando a idea brillante que tiveron cando tiñan 30. Por iso, a páxina serve para que os tres exerzan de xefes e graven nas cunetas de fóra de Madrid, produzan e non saquen nada de beneficios.

Aínda así, conta que a primeira tempada foi seguida por 600.000 usuarios e que para a segunda contan co patrocinio de Fox polo que pode que cubran gastos. Lonxe dun medio, o televisivo, “no que entenden que o humor é berrar”, o equipo sae da liña para facer humor absurdo. Con crítica de fondo.

Por outra parte, o artista convidaba a acudir ao espectáculo que di adeus porque “a xente non acaba de valorar que haxa unha persoa traballando para eles e en cambio pagan por ver calquera trapallada no cine”. Confesa que en A Coruña é onde ten máis adeptos. Non sabe se pola promoción que protagonizou da cervexa de A Grela, “hai xente que quere máis á Estrella que a súa nai” ou por gañar no concurso de monologuistas e deixar desbancados aos andaluces pero o certo é que é querido na casa.

Pola súa parte, o Colón presentaba onte a programación para agosto e setembro co musical “Galicia caníval”, do 9 ao 12 de agosto, ideado por Quico Cadaval e Antón Reixa, e o regreso de Arturo Fernández, do 17 ao 21 na obra “Los hombres no mienten”. O veterano dará paso á posta en escena o 7 de setembro de “A función do Tequila”, premio Rafael Dieste, que estará protagonizada por Manquiña.

O mes da vendima continuará con Josema Yuste e David Fernández o 8 en “La cena de los idiotas” para introducirse no xénero chico da zarzuela os días 14 e 15 con “La Verbena de la Paloma” e “La del manojo de rosas”. A música virá da man de Los Limones que celebrarán o 18 o seu 25 aniversario nos escenarios nun setembro no que o Colón recibirá a Enrique San Francisco o 20 en “Se quieren” e María Lavalle cantará tangos e fados o 21.

A programación incluirá a incursión dun xenio das táboas como é Quico Cadaval que estará o 22 e o enxeño de Tricicle como pais que son do musical de comedia “Forever Young”, que se poderá desfrutar o 30. O espazo inaugurará tamén este mes o ciclo “Noites Galegas” con Aló Djangó, o 25, para repetilo cada quince días. n

 

Bodegas escolle o Colón para xubilar “O día que empecei a odiar os iogures...”

Te puede interesar