O Ponte dos Brozos aposta pola difusión do patrimonio arteixán

O Ponte dos Brozos aposta pola difusión do patrimonio arteixán
Os pequenos visitaron recentemente o petroglifo de Baer | xabier maceiras.

Os alumnos do CEIP Ponte dos Brozos están a participar nun proxecto de posta en valor e difusión do patrimonio de Arteixo, unha actividade coa que o centro educativo quere propiciar o coidado do entorno e a aprendizaxe da historia entre os nenos de Infantil e Primaria.


O escritor Xabier Maceiras, autor de “Crónicas de Arteixo”, é o encargado das visitas guiadas polo concello, que se fan despois de traballar nas aulas a información sobre persoeiros locais, monumentos ou lendas. Así, os pequenos xa descubriron a furna do Galo, en Valcobo, o petroglifo de Baer –que Maceiras atopou hai uns meses– e a figura de Arsenio Iglesias, entre outros.


“A idea é que isto continúe nos vindeiros cursos porque está tendo boa acollida. Aos nenos encántalles chegar á casa contando o que aprenderon e ás familias parécelles moi interesante”, apunta Montse González, coordinadora de Infantil, que realiza este proxecto xunto a un grupo de profesores do colexio.
Outras mestras que integran ese grupo, Inés González e Cristina Bouzada, aseguran que os alumnos disfrutan ao saber novos aspectos e detalles dos escenarios que visitan día a día. “O balneario, o paseo fluvial... son zonas que coñecen moito e cando aprenden cousas sobre elas sorpréndelles moito”, indica Inés González. Pola súa parte, Xabier Maceiras amósase “encantado” de colaborar co CEIP e abre a porta a poder facer unha publicación sobre o proxecto no futuro.

Paixón pola lectura
Por outra parte, o CEIP tamén se esforza no fomento da lectura convertindo aos alumnos en “youtubers”. As actividades “Booktubers” e “Booktráilers” están superando as expectativas das profesoras e dúas das representantes do grupo de traballo, Judith Varela e Susana Esmorís, sinalan que nun principio pensaron que os alumnos “só buscarían ter moitos seguidores, sen ter en conta o que lían”, pero non foi así. Comezaron con obras como “A fraga Milmañas”, de Carlos Amil e Manel Cráneo, e continuaron escollendo os seus propios libros.


Con “Booktubers”, os rapaces gravan os seus propios vídeos comentando as obras en cuestión para despois subilos a Youtube, mentres que en “Booktráilers” representan un “resumo” da obra –“o que sería un tráiler, como o das películas”, apuntan– recreando varias escenas. Con esta iniciativa pretenden mellorar a oratoria e incentivar a lectura entre a xuventude.

O Ponte dos Brozos aposta pola difusión do patrimonio arteixán

Te puede interesar