fundación rodríguez iglesias A coruña. nostalxia e ilusión
Xosé Castro, máis coñecido como Pepucho, regala aos coruñeses tres décadas de fotos, nas que A Coruña se transforma. Faise moderna e amplía o seu radio ante a atenta mirada dun home que non ten pensado retirarse. Hércules edita as imaxes nun libro e a Fundación Rodríguez Iglesias amosa parte delas para que os visitantes analicen os cambios.
Reportaxe de marta garcía márquez
A min trouxéronme ao mundo na rúa de San Andrés. Xosé Castro non puido retratar ese momento pero si os que pasaron nos últimos trinta anos na cidade, cando a señora democracia se instalou igual de ergueita que a Torre de Hércules e o concepto de urbanización atravesaba paseniño a Pasaxe.
Agora que pode entrar con desconto nos cines, o fotógrafo aseguraba onte ter retratada ata a última baldosa da cidade e advertía ao novo alcalde que se ande con ollo porque estou xubilado pero non retirado. Quizais porque a curiosidade nunca se aparca, o reporteiro segue a buscar. Lévao facendo toda a vida.
Sen querelo, o seu arquivo permite agora ver a transformación que protagonizou un cacho de terra asomada ao mar, na que se construiron moitas cousas mal feitas, comentaba o editor Francisco Rodríguez Iglesias. O encargado de levar todo este material e facelo libro a través de Hércules e tamén exposición falaba da condición que tiña a cidade de ser inmune aos erros: A Coruña é tan marabillosa que fagan o que fagan nela, sempre será bonita.
O obxectivo de Xosé Castro vén a confirmar, dicía Rodríguez Iglesias, que as cidades están suxeitas a cambios tales que na mostra parece que o feito de levantar no vello Papagayo unha urbanización de luxo ten que ver máis ben cun truco de maxia.
Isto é parte da miña vida. O autor das 750 imaxes que hoxe son historia en papel non quería máis nada que a xente as analice. Que as miren. Porque o home de lentes escuras peiteou A Coruña durante cinco décadas. Foi ata as zonas emerxentes do Monte de San Pedro, parque de Bens, Os Rosales e Visma e deixou constancia do paso do tempo en escenas de antes, con xente espallada no verde da Torre comendo, de domingo, ou dos vellos corralóns que foron substituidos por grandes bloques cando a cidade medraba en horizontal e vertical.
Homenaxe > Pepucho quere que as instantáneas sexan tamén unha especie de homenaxe a todos os alcaldes que por aquí pasaron e que o fotoperiodista retratou unha e outra vez, cando o dixital era unha utopía e unha vez pasada a era analóxica. Castro recolleu o proceso de construción do Porto Exterior, entrou en Alvedro e fichou a entrada de políticos que sempre o recordan dun lado para o outro coa cámara preparada.
Un deles, Carlos Negreira, dicía que estaba de sempre. Desde cando o alcalde chegou nun trasatlántico nos sesenta coma tantos outros e Castro acudía ao porto para fotografialos.
Nun acto no que tamén se atopaba Francisco Vázquez, Carlos González-Garcés, Silvia Longueira e José Nogueira, ademais da delegada da Xunta, Belén Docampo, Negreira sinalaba que o ex embaixador do Vaticano transmitiu máis alá da alma de A Coruña, nun tempo de apertura por parte de quenes comezaron a ter poder de decisión. Os coruñeses. A eles está adicada a colección de fotos por seren os que traballaron para ser o que somos, dicía Negreira. Deste xeito, falaba de que todos deberían ter este libro na casa. Para ver o antes e o despois igual que os que se someten a operacións estéticas. A obra de máis de 600 páxinas complétase cunha mostra na Rodríguez Iglesias que estará aberta ata o 12 de agosto. Memoria colectiva para degustar con calma. Nostalxia pura.