Dicía Uxía Senlle que o bonito da homenaxe “Lúas de Outono” que todos os anos se lle rende a Manuel María é que sempre hai un agasallo para el. Un paso adiante na súa obra poética que vén nesta edición da man da cantante. Inspirada en versos que cantan á terra e ao campo, a artista concentra no disco “Andando a Terra” parte da biografía do chairego para compartila en directo mañá no Colón, ás 20.30, nun recital aberto ao público que se completará coa proxección do DVD “Danza do poema emocionado”, a segunda das sorpresas.
Neste caso, a produtora Pixel Films aborda os libros infantís de Manuel María “Os soños na gaiola” e “As rúas do vento ceibe”, dos que selecciona sete poemas para buscar a interacción dos cativos. Os dous traballos presentaranse no tributo ao que profesaba en verso amor a súa terra, a súa casa de Outeiro de Rei e a súa muller Saleta Goy, quen hoxe preside a fundación que leva o seu nome e que pretende manter viva a súa memoria. A través das letras.
A Concellería de Cultura denega
por primeira vez o Rosalía para o acto
É por iso que Uxía situarase diante do micro para reinterpretar temas xa cantados anteriormente por A Roda como “O Carro”, ou “Terra Chá”, que levaba Radio Oceáno á escena rockeira dos oitenta. Xunto a outras pezas interesantes como “Rosa Namorada”, adicada a Saleta; “Manual do señorito”, “Señor Gato” ou “A Fala”. Uxía explicaba que na elección tivo que ver moito os tintes biográficos dos mesmos e os valores que verteu neles Manuel María. Convencido dunha identidade propia e camiñante nun país con lingua de seu.
Deste xeito, para a cantante recuperar a obra de Manuel María é recuperar eses valores no medio da frivolidade que tingue á sociedade galega actual: “Se descoñecemos esa identidade e presumimos desa ignorancia, non podemos comprender a poesía de Manuel María”.
Por esta mesma razón é tan importante que os poemas do chairego cheguen ás escolas, aos bares e aos campos da festa. “Andando a terra” toma o título da sección na que escribía o autor en “A Nosa Terra” para camiñar xunto a el, en directo e na casa. Nun ano no que se cumpren oito da morte do intelectual, o acto cambiará de escenario despois de que Cultura denegase á Fundación Manuel María o Rosalía no que se viña facendo desde hai tres anos.
“Lúas de Outono” será tamén soporte para un vídeo de doce minutos protagonizados por unha nena. Acompañada dun corpo de baile e a música de Iago Pico. As dúas estreas servirán para coñecer aínda máis a personalidade poliédrica dun lucense que elexiu A Coruña para pasar os seus últimos anos de vida. “Un conversador marabilloso” que foi quen de gardar música dentro dos poemas. n