María Inés Cuadrado | “A idea de amor sostible é dar moitos bicos porque todos se aproveitan”

María Inés Cuadrado | “A idea de amor sostible é dar moitos bicos porque todos se aproveitan”
El Ideal Gallego-2018-12-08-036-89d08fd7

Algúns son suaves e aterciopelados. Dan quentura. Outros son curtos, pero intensos. Conta Inés que hai tantos bicos como estados de ánimo ten a xente e dos fortes, o inventario de bicos do que dá conta no álbum ilustrado “El increíble viaje de los besos voladores” pasa a outros nos que nin sequera hai contacto. Van polo aire, pero son tan válidos como os que se dan cos beizos ou xuntando narices. Mentres os pais len o relato aos picariños, poden representar os bicos dos que fala o libro nunha comunicación kinésica que consiste en xestos. En acción. Tan necesaria. 

Un libro para degustar en familia? Interesante cando cada vez os nenos están máis aillados. 
Así é, os medios audiovisuais son unha ferramenta moi potente co uso adecuado. “El increíble viaje de los besos voladores” está pensado para cativiños ata seis anos e primeiros lectores, polo tanto teñen que estar acompañados por alguén maior que lea, quen asume a primeira persoa do relato, apropiándose da historia e involucrándose nela xunto co neno.

Fálame do xénero que elixiu para contar, que lle permite facer a prosa poética?
Baséase fundamentalmente no uso das metáforas que amplifican as imaxes desplegando novas sensacións. Isto permite abrir o imaxinario de quen le dando paso a novas emocións. Outra característica que ten o texto é a súa oralidade. Está feito para ser dito, lido en voz alta, coa súa  musicalidade. Non me refiro á rima, refírome ao xeito de falar, nado dende o son da palabra dita. 

Cantas clases de bicos hai e cales son os menos coñecidos? Os máis bonitiños?
Ah! Hai tantas clases de bicos como persoas cos seus diferentes estados de ánimo...tantos como ti queiras descubrir. Na nosa historia  teñen un especial protagonismo os bicos voadores porque se dan a moreas e algúns chegan ás meixelas escollidas, pero outros non. Que pasa cos que non chegan? Onde van parar eses bicos?

O libro fai que sexa o neno o protagonista, isto darálles un plus aos cativos, non?
Para as idades ás que van dirixidas as historias son moi persoais, era doado buscar situacións nas que se vira identificado para xerar empatía.

Está inspirado en imaxes cotiás, cónteme un pouco destas imaxes que lle moven a escribir.
Os bicos están descritos por quen os dá pero tamén outorgándolles unha característica humanizada, por exemplo,  os bicos remolóns. Neste sentido, Aldara Prado captou moi ben as sensacións que eu tiña na escrita para darlles forma e cor no papel.

Fáleme das ilustracións e a estética dos 60 da que bebe.
Aldara inspirouse na cartelería e ilustración dos anos 60 tanto pola súa técnica como pola estética, representando a persoas de todas as idades, xéneros, etnias, sexualidades... A portada do libro amosa o estilo plenamente.

O conto, ademais de fomentar o poder dos bicos, é un canto a favor da diversidade.
Si, as imaxes de Aldara o plasman perfectamente. Hai tantos bicos como persoas e todas son valiosas. Tamén está a  idea de ”amor sostible”, a de dar moitos bicos porque todos se aproveitan.

Que é a comunicación kinésica?
É aquela que  leva a “falar” ao corpo con xestos e movemento. Mentres se le, os lectores poden estar a facer as distintas clases de bicos que se relatan e os diferentes xestos que os acompañan. No final está claramente o convite a facelo. Esperamos que vos guste “El increíble viaje de los besos voladores”!

María Inés Cuadrado | “A idea de amor sostible é dar moitos bicos porque todos se aproveitan”

Te puede interesar