José Luis Fernández Mouriño | “As maiorías absolutas son positivas porque non podes botarlle a culpa a ninguén”

José Luis Fernández Mouriño | “As maiorías absolutas son positivas porque non podes botarlle a culpa a ninguén”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-7fb9be37

Chegou á Alcaldía de Carral en 2003 e desde entón non marchou. José Luis Fernández Mouriño (Carral, 1962) afronta unha nova campaña de eleccións municipais con ilusión e ganas de mellorar un concello que segue medrando en poboación.

A punto de rematar 2018, que balance fai deste ano? 
É positivo, pero tampouco quere dicir que colmaramos todas as nosas aspiracións.

Houbo un cambio no sistema de contratación por parte das administracións públicas, o cal afectou tamén ao municipio de Carral, e durante todos estes meses de adaptación demoráronse moitas obras, tanto as nosas como as que tiñan axudas da Deputación ou da Xunta. Agora mesmo está a cousa ben e estanse facendo as obras do POS 2017. A idea é levar a pleno a mediados deste mes o orzamento para 2019, co obxectivo de comezar coas nosas propostas xa en xaneiro. 
 
Veñen meses intensos. Preparado? 

Si, en maio toca preguntarlle aos veciños que pensan de nós e creo que estamos cumprindo co que no seu día nos comprometemos a facer. No 2015 presentamos un programa ambicioso no que tocabamos todas as necesidades da vila e levamos completado un porcentaxe altísimo dese programa. Sempre quedan cousas e iso faite sentir impotente, porque é algo que non só depende da xestión do concello senón doutras administracións. Unha espiniña cravada que teño, e non hai visos de logralo de aquí a maio, é o saneamento nalgunhas parroquias, que vén derivado de que Augas de Galicia ten pendente executar unha obra importante para toda a comarca como é o depósito do embalse de Meirama, e esa adaptación para regular o caudal leva consigo outra obra importante para Carral e o saneamento integral. Sumio, Quembre e Beira verten no río Barcés actualmente e temos o compromiso con Augas de Galicia de efectuar unha limpeza do río cando leve a cabo esa obra tan custosa de Meirama.

Quedou algunha outra “espiña”? 
O auditorio, non fomos capaces de conseguilo neste mandato, porque é unha obra importante pero non de primeira necesidade. Agora o Toñito Espiñeira está facendo esa función pero a nosa idea é construír o auditorio e temos a parcela decidida. A ver se de aquí a maio se redacta o proxecto. Tamén estudiamos a posibilidade de climatizar a piscina municipal pero, a pesar de que crecemos en poboación, non teríamos medios para mantela. Hai que ser realistas e podemos dar facilidades para que os veciños teñan acceso a outras piscinas en municipios cercanos mediante convenios. 

Quizais o problema do PP de Carral é que facemos as cousas e non as vendemos como é debido; non anunciamos a bombo e platillo, só facemos o que é necesario

Despois de catro mandatos, quédanlle ganas de máis? 
Home claro! Por suposto, eu creo que todas as persoas nalgún momento dixeron “se eu fose alcalde faría isto”. Pois eu teño ese honor grazas aos veciños de Carral, levamos moito feito pero sempre hai novos retos. Avanzamos, ás veces con lentitude, pero avanzamos e imos ter en todo o noso concello fibra óptica a través de convenios coa Amtega. É un reto importante que queremos lograr de cara a 2020. Non podemos esperar a prometer, nós xa estamos facendo, quizais o que nos ocorre a nós e ao propio Partido Popular carralés é que facemos as cousas pero non as vendemos como é debido. Non anunciamos a bombo e platillo, solo facemos as cousas que vemos necesarias.  

Ademais do auditorio, que quedaría para un novo mandato? 
O auditorio será realidade en breve se os veciños confían de novo en nós e as demais propostas prefiro deixalas para o programa electoral (ri), porque sempre poden copiarchas. Pero hai moitas cousas por diante e moito que manter. Un dos proxectos estrella do mandato actual, o centro de día para maiores, vai ser realidade en poucos meses porque xa temos a financiación por parte da Xunta e a ubicación idónea. Por outra parte, en breves asinarase o convenio de cesión para utilizar os terreos fronte ao Toñito Espiñeira e crear unha zona de disfrute veciñal que tamén sirva para eventos.

En Andalucía irrumpiu Vox, que agarda vostede das municipais? 
Os candidatos bótanse a culpa uns aos outros pero o que está claro é que o pobo non é tonto. Eles deciden o que queren e moitas veces están fartos de que lles sigan contando a mesma cousa, por iso se rebelan. No seu día o PP sufriu os casos daquelas persoas que se enriqueceron ilegalmente utilizando as siglas do partido e iso pasoulle factura.

Todos os partidos que teñen papeleta, en principio, cumpren con todas as normas para ser elixidos e hai que acatar o que pasou. En Carral non sabemos moito sobre quen se vai presentar, coñezo aos candidatos actuais de PSOE e Asemblea. Si hai máis candidaturas, benvidas sexan, sempre será bo para enriquecer a democracia de Carral.

Nós temos a sorte, e esperemos seguir así, de gobernar con maioría absoluta, eu creo nas maiorías absolutas e non só pola experiencia do concello senón tamén pola Deputación. Durante anos participei nas corporacións e a Deputación funcionou con maiorías absolutas, ou ben por parte dos socialistas ou ben polo Partido Popular. Desta forma hai que render contas ao final do mandato, non se lle pode botar a culpa a ninguén máis que a un mesmo, e isto tamén é extrapolable á Xunta, aquel bipartito que fora un verdadeiro desastre con presidente e vicepresidente querendo mandar sempre un máis que o outro, sen pensar no benestar dos galegos. Aínda que agora din que non é bo, eu sigo apostando polas maiorías absolutas, para un pobo son positivas porque se non fas nada en catro anos os veciños saben o que hai e toman as súas decisións.

Co Plan Único, os concellos están percibindo menos fondos da Deputación dos que percibían con plans anteriores e, por suposto, o Goberno anterior do Partido Popular

En Arteixo quéixanse do reparto de fondos da Deputación. Como o ven desde Carral? 
Absolutamente igual que en Arteixo. Estase vendendo un plan único da Deputación que en teoría facilita a toma de decisións para facer obras nos concellos, pero despois non é así. Danche a liberdade de invertir os cartos nas necesidades do municipio pero, por exemplo, hai uns fondos para amortizar débeda e algúns concellos non necesitamos facelo. Os concellos están percibindo menos fondos do que percibían no plan anterior e nos anos anteriores, en concreto, Carral recibirá no 2019 uns 59.000 euros menos que no 2018, unha cantidade moi importante para unha vila coma a nosa.

Como ve o debate sobre a Vía Ártabra entre Cambre e a Xunta? 
A Carral impórtalle moito esa vía, temos proxectos e memorias presentadas á Xunta para cando se logre a conexión coa AP-9 e se poida continuar enlazando coa A-6. Nós temos un polígono industrial que está funcionando ben e sempre se fala de interconectar estas zonas, polo que Carral ten moito que dicir. Temos unha proposta de que conecte coa A-6 e haxa unha saída directa ao noso municipio, ao polígono dos Capelos na N-550. Tampouco é normal o de Cambre, que quere os servizos pero non quere que pasen polo concello. De momento apostamos pola conexión coa autopista AP-9 e despois traballaremos por lograr a da autovía.

A nivel industrial como están? 
No polígono dos Capelos tivemos sempre a mala sorte de que, cando estabamos terminando de negociar actuacións no solo, houbo cambios de criterio ou cambios políticos. Das primeiras cousas que fixen como alcalde foi ir a Madrid e facerlle ver a Sepes, propietaria do solo, que é un absurdo que parte dese terreo pegado a solo industrial se dedicara a residencia. Tentamos sempre que fose industrial e agora metémolo no Plan Xeral, onde figura como solo industrial, con aproveitamento de 90.000 metros cadrados, pero non podemos saltarnos os pasos. Mentres non estea aprobado o PXOM non podemos recalificar ese terreo.

Agardo que o Plan Xeral estea aprobado definitivamente en 2019, temos xa resoltas as alegacións e pronto se someterán a exposición pública

Cal é o estado dese Plan Xeral? 
Imos moi adelantados no proceso de redacción, especialmente se nos fixamos nos concellos cercanos como Abegondo, Culleredo, Cerceda... Temos xa resoltas as alegacións e imos sometelas a exposición pública para aprobalo provisionalmente.

Despois irá  á Xunta. O Plan Xeral é mellorable pero temos 48 km2 de terreo e é difícil acadar a perfección. Eu agardo que en 2019 estea aprobado definitivamente.

José Luis Fernández Mouriño | “As maiorías absolutas son positivas porque non podes botarlle a culpa a ninguén”

Te puede interesar