No alcance da mirada

Celia e Antón son parella dende hai anos, teñen fillos mozos, traballos normais e salarios pequenos, como a maioría dos salarios da xente traballadora. Ambos os dous están contentos de pasar as súas vacacións na casa, na súa propia casa e na dos seus pais, nunha das aldea baleiradas desta Galicia que tivo á súa xente correndo polo mundo detrás do traballo, non coma os ricos que recorren o mundo nas vacacións, mentres os pobres van ver ás familias. Neste caso, a ninguén se lle escapa, a riqueza é a dos pobres. Os outros andan de vacacións sen descanso, sen parada e sen acougo. Érguense a toque de asubío, almorzan e corren de arriba para abaixo, para o norte e para o sur; xantan co prezo incluído na excursión e, sen pensalo, seguen coa ilusión de ver aínda máis mundo.  

Parece mentira, co ben que se está na casa de vacacións, coñecendo e desfrutando do que temos ao arredor, paisaxe, arte, mar e monte, patrimonio cultural e natural, gastronomía, historia e vida. Antes de nada, como debe ser, parece conveniente coñecer Galicia paso a paso e de punta a punta, as cidades, os lugares, a arquitectura, as devesas, as illas e as ourelas dos mares, os meandros dos ríos e dos camiños todos. Todos con relanzos antes de acabar  e coa posibilidade de revolta. 

Turismo e vacacións para recorrer os andares dos nosos escritores e ler algún libro de cada un deles, pararse onde pararon os científicos que deron lustre ao coñecemento; subir aos altos máis altos e aos non tan altos, e mirar para os tesos, abrazar o horizonte e bicar o ceo. Mirar dende arriba, coa humildade da altura, e velo todo, todo enteiriño e ben feito, como se fose cousa da maxia desta terra nosa. Seguir as pegadas da historia, andar por onde andaron os romanos e pararse en cada castro, nos mosteiros e nas igrexas.  

Cómpre seguir e escoitar o falar, o explicar e o soar do románico, coñecer os peiraos, a amabilidade e a coraxe dos mares. Desfrutar das praias todas, incluída a das Catedrais, e beber sen medo viño da terra, sabendo –como todos saben– que é tan bo o branco coma o tinto e o tinto coma o branco. Celia e Antón, xunto coa Tía Manuela, comparten a enorme ledicia de ter tanto que ver, tanto para coñecer e tanto que aprender, no alcance da súa mirada. Eles tamén saben que, por fortuna, todas as viaxes acaban cando se volve á casa. 

No alcance da mirada

Te puede interesar