A ilusión de mandar

staba absolutamente convencido de que o resultado ía ser favorable para eles e para tódolos seus, xusto o contrario do que foi. Sentía unha enorme felicidade pensando en que o que chegaba era verdadeiramente relevante e importantísimo para o futuro daquelas persoas que estaban dentro do marco da política, no seu círculo, aínda que lonxe, ou moi afastadas, da actividade profesional, desa que proporciona traballo a embute e salario reducido. Estaban con orgullo seguindo o ideario deseñado polo seu ídolo, aquel mentor de tantos, aquel totalmente disposto -igual que sempre- a repartir outros tantos desprezos. Aquel, ao que xa ninguén cre, que poucos escoitan e para o que moi poucos miran. Que mágoa, señorito!
O profesor Avelino Muleiro, nun artigo recente, falando da “Crise de valores” deixou varias leccións para quen queira sacar algo en limpo. A Tía Manuela, e probablemente varias das persoas lectoras deste xornal, súmanse por pura lóxica á proposta de Muleiro: “Deberiamos pretender que a sociedade lograse establecer criterios e normas que fixasen as mellores condicións para que a convivencia resultase posible e así cada persoa puidese programar a súa vida libremente”, con valores compartidos, con traballo compartido e compartindo esforzos, bens e riqueza.
Ao parecer, segundo os filósofos e segundo manifesta Avelino Muleiro, “os valores non se herdan, non forman parte da nosa xenética, senón que se ensinan e aprenden en cada cultura”. Nós temos valores propios e a nosa xente ten o dereito e a obriga de coñecelos, igual que os políticos deben ter a ilusión de preservalos, de resgardalos, defendelos e ensinalos. Aqueles que lideran grupos sociais, que propoñen cambios substanciais, que andan de arriba para abaixo e da dereita para esquerda seguido e sen avisar, deben facer un alto no camiño, parar e, debagar, mirar ao arredor. Se están diante dunha biblioteca, entrar e seguir mirando e observando.
Aquelas persoas prendidas atadas pola ilusión de mandar, se están ao lado do mar, deben aprender dos mariñeiros e empaparse dos seus valores  e, se andan polas beirarrúas da cidade ateigada de xente e de turistas, deben reflexionar e recapacitar sobre o que se fixo mal. Obviamente, non teñen que perder a esperanza nin a confianza, pero non deben esquecer que, como en “Grândola, Villa Morena”, o pobo é quen ordena.

A ilusión de mandar

Te puede interesar