Por que menten tanto?

As leis están para cumprilas, pero o Consello de Ministros do 30 de novembro deixaba en suspenso a Lei Xeral da Seguridade Social de 1994 para aforrar 2.300 millóns. A lei establece a revalorización das pensións segundo o IPC interanual de novembro e o abono da desviación producida nunha paga única antes do 1 de abril do exercicio posterior. O PP aprobaba unha suba de só un 1% para as pensións que superen os 1.000 euros mensuais e do 2% para o resto, cando, segundo a lei, correspondía unha suba do 2,9% para todas.

Con esta medida os pensionistas van sufrir unha perda de poder adquisitivo. En Galiza hai 733.880 pensionistas, cunha pensión media de 698,63 euros, que perderán 209 euros. A isto hai que sumar unha cantidade semellante que debería incorporarse á base de cálculo das pensións para 2013; a perda media sería de 418 euros.

O PP incumpría ademais as súas promesas electorais. Nun debate con Rubalcaba en TVE, Rajoy manifestaba: “Para mi las pensiones son un compromiso irrenunciable. Voy a cumplir la ley que aprobamos en 1994”. Rajoy sempre prometera que revalorizaría as pensións segundo o IPC. “Si hay algo que no tocaré serán las pensiones porque el pensionista es el más indefenso”, declaraba Rajoy nunha entrevista en TVE. Sáenz de Santamaría declaraba en 2011, co PP na oposición, que “no se puede quitar a los pensionistas lo ganado con esfuerzo y cotización”.

Nos últimos meses sucedéronse as mentiras: anunciar os recortes das pensións despois das eleccións en Euskadi, Galicia e Cataluña. Xa como vicepresidenta do Goberno, Sáenz de Santamaría aseguraba: “Las pensiones subirán en 2013 y se ajustarán a la subida del coste de la vida”. Soria, ministro de Industria, manifestaba: “El compromiso del Gobierno es revalorizar las pensiones con el IPC de noviembre”. A propia Báñez votaba no Congreso a favor dunha moción que instaba o Goberno á revalorización das pensións. Tomás Burgos, secretario de Estado de Seguridade Social, comparecía ante o Pacto de Toledo e atopaba “un ejercicio ocioso e inútil pedirle a un Gobierno que sistemáticamente afirme que va a cumplir la ley”.

Despois das medidas aprobadas polo Consello de Ministros, Báñez quería transmitir a felicidade dos pensionistas e declaraba: “Estoy convencida de que van a valorar positivamente al esfuerzo y el ejercicio de responsabilidad que hace este Gobierno”.

Os pensionistas non están felices, senón indignados e o PP conseguiu algo muy difícil, a unidade da oposición. O 13 de decembro o Congreso revalidaba, só cos votos do PP, o decreto que non actualizaba as pensións en función do IPC, e todos os partidos consideran que eliminar por decreto o dereito á revalorización é inconstitucional. Todos sabemos que a mentira é sempre unha mentira e que se é repetida cen veces segue sendo unha mentira. Menten tanto porque non pasa nada.

Por que menten tanto?

Te puede interesar