María Luisa Novais, no Palacio Municipal

A pintora Mª Luisa Novais. nacida en Ponte do Porto, Camariñas, pero residente dende nena na Coruña, mostra na Sala de exposicións do Palacio Municipal da Coruña a súa obra máis recente. Graduose en artes e fixo a especialidade de Decoración, na antiga Escola de Artes e Oficios ( hoxe Pablo Picasso), onde tivo por mestres aos ilustres Mariano G. Patiño, Cabrera e Antonio López . Durante anos dedicouse a proxectos de iluminación de interiores y exteriores, de 2014 a 2018 dirixíu a galería de arte ART NOV, na rúa do Orzán.


A mostra actual leva o título de TEMPOS, que se pode interpretar como un símbolo da fugacidade da vida e do pasadío, xa que nos cadros expostos recolle intres efímeros. momentos de puntual intensidade, como ocurre con “Miradas” , “Encontro” ,”Cautela”, “Encontro” ou “Diálogo”, nos que a figura e mui especialmente o rostro humán devén unha síntese de puzzles de cores e de liñas interrogantes. De cansanzo, de esgotamento, falan as esquematicas cabezas de “Facianas de pandemia”.


Escoa por toda a obra unha encendida visión do ser humán, protagonista central da súa inspiración, de cuxas íntimas epopeias e anceios quere dar testemuña, pero transfigurándoas, por medio dunha linguaxe plástica valente e rupturista, na que mestura un certo expresionismo das formas, con planos de raizame cubista e unha ardente e vibrante policromía de manchas soltas que se poden relacionar co informalismo e coa abstracción lírica.


Desta mestura, que ela leva a terreos de singular orixinalidade, nacen obras de potente impacto visual, onde o que queda suxerido é máis importante que o expresado. Así sucede, por exemplo, con “Entresoñáción”, ou con “Ilusión”, no que recolle unha ceremonia de maxia cirsense; ou con “Antes”, onde un home, sentado de costas nunha silla de rodas parece contemplar un esfumado universo de ensoños turquesa e rosa-violáceo. É importante tamén a presenza do maravilloso, da imaxinación creadora que reflicte, sobre todo, no cadro “Pintando o mundo”, no que a cabeza humana transmútase nunha cunca de esmeraldinas augas, sobre a que se asenta a pintora; tamén “Bailando entre pinceis” expresa a grácil liberdade e a gracia creadora que pode fluir da inspirada man do artista.


Hai en Novais, toda unha poesía de evanescestes e viaxeiras manchas, de configuracións abertas que voan como nubes encendidas por soles do solpor ou traspasadas por raiolas de douradas luces. Todo canta nesta obra unha apaixoada cantiga multicolor, mesmo cando quere falar de melancolía ou de fracaso, como sucede co cadro “A caída”, no que representa a unha rapaciña nova con azas enormes que, o mesmo que Ícaro, precipítase no baleiro, entre os altos rascaceos dunha grande cidade; resume aquí toda a tremenda tensión do espíritu humán que anceia atinxir o ceo,pero ten que aceptar a súa condición terrestre.Contra esto, a arte é a gran revolta.

María Luisa Novais, no Palacio Municipal

Te puede interesar