Emilio Celeiro, no Kiosko Alfonso

O Kiosko Alfonso ofrece unha gran mostra antolóxica de Emilio Celeiro (A Coruña, 1928), un percorrido dende os seus inicios como pintor, na década do 40, ata a actualidade, unha viaxe que nos permite comprobar a súa versatilidade creativa e multifacética persoalidade, na que fai gala dunha imaxinación fecunda e polimorfa, que abre camiños ao descoñecido e a todos os posíbeis. Trátase dun artista visionario que fai do seu extraordinario dominio do oficio un medio para  a continua indagación en novas formas e para abrir as portas do inefable, aí onde o real e o surreal se funden no anceio de descubrir as inéditas e innumerabeis facetas da creación. Paisaxes, retratos como o de “Olga nena” e o da súa nai e autorretratos dos primeiros anos coruñeses xa dan fe do seu talento. Pero será a partir de 1955, xa instalado en Venezuela, onde a súa creatividade madura e se abre a un abano de innúmeras posibilidades: cadros, como “A  fábrica”” ou “Bodegón con cafetera” que xogan cos grises e a estructuración xeométrica; retratos como o do “Albañil malloquín” de cores cálidas e pincelada ondulante que lembra a Van Gog; paisaxes de evocador lirismo, como “El Ávila” ou compostos á maneira de contrapuntístico puzzle, como “Caracas”; retratos  e figuras de índole expresionista, como “Home en negro” ou o magnífico gravado no que recolle o mito de “Medea” onde capta as fonduras psicolóxicas e o drama.. A partir dos anos 70 , a súa obra ábrese cara o mundo dos símbolos e dos arcanos que agochan ultra-realidades, como sucede co “Espello enrugado” que é todo lisa e prateada superficie baleira, baixo a que asoman unhas mans atrapadas.. “A folla seca” ou  “O home da rama no dedo” apuntan a ese eterno misterio da vida e da morte; idea na que abunda tamén “A tecedora da noite”,espida figura sin rostro que calceta o fío que sae do seu embigo. Comenzan entón a aparecer os seres híbridos, como “Criptograma para muller elocuente” que leva por cabeza unha enorme folla. As preocupacións ontolóxicas son constantes e poden verse nos magníficos debuxos a tinta “O anxo caído” e “ o Home solo”, entre outros. Viría despois, xa de volta na Coruña, a época das pinto esculturas: peixes e fósiles  que evocan eras perdidas, aparecen tamén os  seres híbridos e os mutantes, humanoides de ciencia ficción, xurden asemade as máquinas de guerra  coas que  alerta dos peligos da manipulación dunha ciencia deshumanizada, pesadelos que recolle no tremendo cadro “As.tentacións do señor. Emilio”. Pinta tamén rodas da vida,bestiarios, ídolos, arcanos do tarot, fai  extraordinarias esculturas de bronce  E déixanos. sobre todo, reflexións metafísicas de gran fondura en cadros como “O ovo cósmico”, “Baño de esfinxes” , “Nacemento de Venus” ou “Os soños rotos”, nos que crea escenarios liminais de beiramar coa criatura humana atrapada entre senlleiras rochas;  enfróntanos así co grande enigma ontolóxico de todo este fervente universo en xestación e do noso tránsito imparable cara terras ignotas.

Emilio Celeiro, no Kiosko Alfonso

Te puede interesar