Ela era maior e el, vello

Viviran en parella máis de sesenta anos. Daquela casaban de novos, cando aínda eran mozos, cando eran outros tempos e a vida –segundo contan– era doutra maneira, diferente á vida de hoxe, que vai de apurada en apurada, de présa e sen parada. Cando se achegaba aos noventa, sentaba ao carón do lume e dáballe mil voltas ao tambor de asar as castañas, coas castañas dentro. Ela, sentada na outra esquina do banco e tamén xunto do lume, fiaba co seu fuso a la rapada das ovellas da casa. Falaban entre eles, pero ningún dos dous escoitaba nada. 


A radio tamén falaba. Era A Pirenaica, como el lle chamaba, a única que coñecía e da que se fiara. Nisto chegan os veciños, que andaban dando de comer ás vacas e aos porcos da ceba; apágase a radio, sacan as castañas do tambor e todos darredor da cesta, comendo e falando ata que o sono tardío mandou parar. Era unha forma de vida que agardaba por outra. Daquela a intelixencia que se coñecía era unicamente a natural, esa que axuda a andar pola vida e a falar do que se ve e se aprecia.


Aqueles vellos morreron e a mocidade daquel magosto xa son vellos e maiores ou moi maiores. No lugar non queda ninguén e as casas, nas que vivía a xente, o gando, as pitas e os cans, están derrubadas e os seus nomes esquecidas.  Quen se acordará de nós, cando pasen uns anos? Preguntaba aquel home que asaba as castañas, con tanto gusto, para a veciñanza numerosa. De agora en adiante, dicía ela, mentres seguía fiando, de nós quedará a lembranza, se alguén queda con memoria.


Aos dous días, foron xuntos á feira e pola fiestra da cantina viron outra parellas igual que eran eles. Miras eses que están aí tomando café, dá gusto velos, tan maiores e tan ben parecidos. Nós chegaremos así de vellos? -Ti, meu home, non ves que o cristal da ventá fai de espello! Eu son maior, pero ti, meu santo, es un vello, non te recoñeces a tampouco me coñeces a min. A Tía Manuela estaba ao lado, non poido máis e exclamou: Alabado sexa o señor!


O tempo non se para en números e en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a idade media da poboación era en 2022 de corenta e oito anos. Por cada cen persoas menores de vinte, cento sesenta e oito tiñan máis de sesenta e cinco. Somos unha poboación bela de vellos. 


E, cando unha persoa é vella? Depende de quen opine. Se falamos cun neno da escola, para el todos as persoas que andan polos corenta anos son vellas ou moi vellas; para un rapaz da segunda metade do século XX, aqueles que tiñan sesenta anos eran anciáns e para un octoxenario de hoxe son vellos todos os da súa idade menos el. Galicia, segundo os datos que achega a estatística, ten unha poboación envellecida, pero o importante, amigos lectores e lectoras, é manter na cara o sorriso e crer na forza da mocidade.

Ela era maior e el, vello

Te puede interesar