Da honestidade

A honestidade é unha convicción, unha relixión e unha militancia. Un estadio ao que se accede dende o humanismo individual, ata o sentimento colectivo de saberse membros dunha sociedade e duns valores que benefician a todos. A honestidade forma parte do respecto das normas e do coñecemento dos límites. É unha das referencias que máis valoramos na identificación de persoas, institucións e empresas. E sobre todo na vida pública, xa que debera ser o modelo exemplar de xestión e transparencia, sen mancha nin sospeita. Pero sempre hai quen considera que a honestidade é un territorio árido, frío e pouco atractivo como para facelo figurar na súa axenda de prácticas favoritas. Son persoas que teñen un alto concepto de si mesmas e que se consideran sempre por riba dos demais. Desengánense, non son uns pillos –segundo a cualificación cariñosa de Núñez Feijoo– senón xentes que viven de aproveitarse dos males alleos. É iso ten outras definicións de máis groso calibre. Pillo ou pícaro é o Lazarillo de Tormes, un rapaz castigado pola vida, e polo cego abusón que lle tocou en sorte. Moitos dos deshonestos teñen formación, títulos, dirixen empresas, dan clases de ética empresarial ou teñen gabinetes de asesoramento. Manexan información e teñen contactos directos e acceso a cargos influentes, cousa que lles permitirá seguir o seu slogan de para a saca, vulgo forrarse. Navegan entre as boas formas e unha oratoria esmerada que lles facilita o acceso e a confianza; ademais de nos veleiros adquiridos cos cartos das esaxeradas comisións acadadas e que, coma bos patriotas, matriculan en Xibraltar para non pagar impostos en España. A honestidade é un exercicio de responsabilidade e de convivencia. Sempre haberá deshonestos, pero debemos descubrilos, denuncialos e confiar na función correctora da xustiza.


Tes a intimidade do sentido –dixo El– o universo de afectos que debuxa a harmonía sagrada do secreto...

Da honestidade

Te puede interesar