Se me permiten a nostalxia, lembro coma se fose onte aquel 24 de xullo de 1985, véspera do noso día grande, cando a TVG acendeu os seus focos en San Marcos. Unha programación regular que comezou con 39 horas á semana; hoxe parece unha minucia, pero daquela era o mundo. E non quedou aí a cousa, non. A Galega, sempre pioneira, foi a primeira canle autonómica en emitir vía satélite en decembro de 1994 co seu “Galeguidade”, abrindo Galicia ao mundo moito antes de que o “mundo” soubera o que era globalización.
Parte do fascinante foi a revolución dixital. En xullo de 1995, a TVG navegou por primeira vez por Internet. Cando moitos aínda se preguntaban que era iso da “rede”, nós xa estabamos alí, ofrecendo os telexornais e datos a quen quixese vernos dende calquera recuncho do planeta, moi en primeiro lugar os emigrantes. Un ano despois, o 25 de xullo de 1996, xa tiñamos servidor propio. Fomos dos primeiros en Europa en apostar por esa aventura. E a Radio Galega, que ninguén a esqueza, foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder escoitarse en directo por Internet. Foi en agosto de 1996.
Lembro con claridade as datas, os premios, os recoñecementos. O noso servidor finalista ao Mellor Servidor de Europa en xaneiro de 1997, elixida web recomendada por Galicia Online en abril do mesmo ano pola calidade, deseño e, sobre todo, pola defensa do galego e a promoción do país. Aquilo xa era un motivo de orgullo.
Pero a cousa non se detivo. A Crtvg non tiña medo de ser audaz. O 24 de abril de 1997, iniciáronse as emisións experimentais de televisión por Internet. Ao día seguinte, xa ofrecían vídeos entre os seus contidos. E aquí vén o que, para min, foi un fito: o 17 de maio de 1997, coincidindo co Día das Letras Galegas, as nosas emisións regulares de televisión en tempo real. Fomos a primeira televisión de Europa e a sétima do mundo en facelo. Pense niso por un momento, amable lector: Galicia, á vangarda da tecnoloxía, emitindo para o mundo cando case ninguén o facía.
E que dicir das cámaras web! Aquela cámara móbil instalada na Praza do Obradoiro o 24 de xullo de 1997, a primeira deste tipo en España, que se converteu na cuarta máis visitada en Internet. Ou as que viñeron despois: a do estudo da Radio Galega, a Porta Santa, a Praza da Quintana, Praterías, Finisterre, Camiño de Santiago, cidades, monumentos, rías, bosques... Inauguradas por persoeiros da talla de Peter Eisenman, Homero Aridjis, Mario Vargas Llosa ou Adolfo Pérez Esquivel. Si, os grandes nomes da cultura e a política mundial inaugurando as nosas fiestras dixitais. E para culminar, aquela primeira webcam móbil do mundo dende un helicóptero na Coruña, con motivo da Liga de fútbol do Deportivo no 2000.
Os números non mienten. Superamos os 35.000.000 accesos en febreiro de 1999 e os 100 millóns de visitantes en outubro de 2000. A WEB da CRTVG, un referente. E mentres tanto, a TVG non deixaba de crecer. Lembro o inicio das emisións regulares cara a América e Europa vía satélite, asinando acordos con xigantes como a CNN.
A modernización era constante: teletexto en galego, sistema Pal Plus, dixitalización dos informativos e do arquivo, da aposta polo deporte... E a ficción propia, que tanto nos enriquece: “Pratos combinados”, “Mareas Vivas”...., que nos contan historias da nosa terra da nosa literatura, como o fixeron o cine de “Mar adentro” ou “A lingua das mariposas”. Unha mostra do bo facer, do talento galego, dos bos e xenerosos profesionais dos medios públicos, de todos e cada un deles, dos colaboradores das productoras, ...
Son datos que falan por si sós, que reflicten o que sempre crin: que os medios públicos teñen unha responsabilidade inmensa coa sociedade á que serven.
Celebramos 40 anos de camiño, de evolución constante. Do primeiro “Boa noite e benvidos” á emisión en tempo real para o mundo, o previo a primeira emisión vía satélite á canle G2 e as nosas múltiplas plataformas dixitais. A Crtvg é a voz dun pobo, o espello dunha cultura, a xanela pola que Galicia se asoma ao mundo e o global se asoma a Galicia.
A nova Crtvg, agora chamada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) coa súa historia de audacia e compromiso, seguirá sendo a referencia para as xeracións vindeiras, Vai a seguir entendendo os tempos e as transformacións e a dar oportunidade as novas xeracións de profesionais formados nas facultades punteiras, seguirá a defender a marca Galicia ante o mundo, cultura e lingua como bandeiras. Esa seguriá a ser a súa grande responsabilidade, sempre. Non podo contar todo, pero todo é parte xa de nós.