As raíces da luz

Coa exposición “As raíces da luz”, de fermoso e acaido título, o pintor Xulio García Rivas (A Golada, Pontevedra, 1947) inauguraba en Carballo, o pasado 15 de decembro, o espazo Espiral Maior Foro, creado polo poeta i editor Miguel Anxo Fernán Vello, o cal, nas verbas de benvida, ao tempo de calificalo como ámbito de ideas, de arte e de creación cultural,salientou a importancia de abrilo con este “ mestre do invisible da natureza” .Tamén na presentación, Xavier Seoane quixo destacar a fortuna que é para a vila bergantiñán ter un lugar de encontro de tal nivel e de abrilo coas poéticas e sutís composicións deste gran pintor.


Realmente podemos afirmar que con estas obras, X. García Rivas reafírmase coma un extraordinario mestre da augatinta e atinxe cumios de insuperable beleza e de misterio. Que o faga por un método, aparentemente tan sinxelo, coma o contraste entre a luz, representada polo branco do soporte, e as matizadas gradacións da sombra, conseguidas polas tintas escuras, demostra a súa maravillosa destreza e exquisita sensibilidade, na que está presente, ademáis dun fondo sentimento da natureza e un animismo de noso, o achegamento á estética oriental, sobre todo á tradición chinesa das paisaxes taoístas, nas que arte de suxerir e transmitir emocións inefabeis, é máis importante que a representación. A pintura é para él –segundo confesa–”... volver a intuición..., á sensibilidade, á beleza,... ás emocións do home”. Coa súa técnica consegue así alumear ríos de luz, entre sombrías e misteriosas aparicións que configuran boscosas umbrías, mestas fragas e liminais arboredos, nos que bulen, como fuxidíos pensamentos, lenes e viaxeiras criaturas, tales coma vilanos, follas levadas polo vento ou paxaros; e que, en realidade, veñen a ser auténticas respiracións da alma místicamente engaiolada diante do enorme, do indescifrable arcano de existir.


Abre así espazos de luz cósmica, coma no cadro “Abismo dos paxaros”, no que fai voar liberadoras bandadas de aves que emerxen das escuras frondas terrestres, na percura do ceo. Ou déixanos estantíos diante das series “Xardín da penumbra”, coas súas suxerentes sombras en expasión.Ou ábrenos lagoas de luz remansada, territorio de feitizos para os ensoños nocturnos, como na peza “Visión interior III”.


Hai obras que poderían ilustrar o bosque dantesco, con toda a súa carga simbólica, ou os fantasmais reflexos da cova platónica; isto é o que nos suxiren “Encontro III“ e “A noite escura XXV”, onde negras siluetas de humanos, perfiladas apenas un pequeno hoco de luz están mergulladas baixo de espesas sombras. Do abraio da negra sombra, que podería ter ecos rosalianos, fala a estantía figura de “Visión interior XXXV” que, fundida cos arborescentes avesedos, parece agardar a epifanía da luz “O que se esconde na montaña”, “Desamparo”,”Nubes”... son outros tantos títulos que, a maneira de alegorías en craroscuro, falan dos anceios do espíritu humán que, dende sempre anda na percura de respostas, debaténdose entre as tebras e a luz.

As raíces da luz

Te puede interesar