Coincidindo cos actos conmemorativos do centenario de María Casares e baixo o comisariado de Rosario Sarmiento, a Casa-Museo Casares Quiroga acolle a exposición “ARTE E MEMORIA DEMOCRÁTICA”, na que se mostran obras de Goya, Picasso, Colmeiro, Castelao, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Arturo Souto, Mercedes Ruibal, Conde Corbal, Felipe Criado e Xaime Quessada. Baixo o lema “A guerra e o seu relato na arte contemporánea de Galicia”, asistimos a un percorrido dende a guerra da Independencia ata a actualidade, que pon o acento nas traxedias e no sufrimento humán causado polos conflictos bélicos, ao tempo que nos regala a expresividade e riqueza plástica das variadas linguaxes.
Os augafortes de Goya “Estragos da guerra”, “Con razón ou sin ela” levan esa tremenda carga de patetismo e distorsión dramática que o consagrará como un antecedente do expresionismo. Dous gravados de Picasso, compostos á maneira de viñetas, que titula “Soño e mentira de Franco”(1937) e nun dos cales recolle bocetos do “Guernica”, están protagonizados por figuras de retortas liñas que son auténticos berros- como él mesmo escrebe: “Berros de nenos...mulleres...flores...paxaros...madeiros... pedras... ladrillos mobles cadeiras cortinas cacharos gatos olores...”; un laio desesperado percorre o mundo, a materia, a natureza enteira. As estampas de Castelao “Galicia mártir” e “Atila en Galicia” debuxan a tremenda brutalidade da Guerra Civil, cun pathos cheo de tenrura que ten en “A derradeira lección do mestre” o seu exemplo máis conmovedor; “Milicianos”, pola súa parte, é unha exaltación do heroismo. Dos “Debuxos da guerra” de Arturo Souto, está seleccionada unha escena de arrasamento e desfeita debuxada con esgazas liñas que son como feridores puñais: hai unha muller aforcada, homes e animais mortos. A denuncia da Guerra Civil está tamén nas “Trece estampas da traición” de Luis Seoane, das que vemos “A súa política”, con Franco abrazando a cruz e as sombrías siluetas de “Tricornios” que se alonxan deixando un morto. Impresionante é o óleo “Recollendo mortos” de Isaac Díaz Pardo que representa a tremenda e doorosa realidade da morte,en amoreadas e retortas anatomías.
As tintas de Colmeiro e os gravados de Conde Corbal reflicten en liñas e manchas negras, aspectos da violencia da guerra. Os óleos “Vietnam” e “O garrote” de X. Quessada traducen, en vibrante cor, dous xeitos de morte vil. Un exprexionismo arrepiante de contrastes e sanguinolenta cor aparece nas obras de Mercedes Ruibal “Morte de Allende” e” Chile no corazón”. Felipe Criado reflicte as súas lembranzas de neno do bombardeo de Santander pola Lexión Cóndor de Alemaña, no cadro “Santander, 2 p. m. do día 27 de decembro de 1936”; para reflectir a desfeita das expansivas explosións, si se exceptúan as figuras ben delineadas dos negros avións, usa unha linguaxe plástica entre o expresionismo abstracto e o informalismo, deixándonos unha obra rompedora, que pon un xusto colofón a esta mostra.