A Real Academia Galega estrea on line a 'Guía de nomes galegos'

Presentación da ferramenta, esta mañá/RAG

A Real Academia Galega (RAG) activou na súa páxina web a 'Guía de nomes galegos', un recurso en liña que recolle a forma estándar de máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles desde a Idade Media. Uxía e Antón son os nomes máis buscados.

 

Cada entrada explica a orixe e o significado do nome, narra a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información. O documento complétase cunha lista de antropónimos femininos e outra de masculinos descargables.

 

Así o explicaron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e a coordinadora da guía, Ana Boullón, no acto de presentación desta nova ferramenta celebrado este luns.

 

Freixanes destacou que se trata dunha guía "aberta", "participativa da sociedade" e "crítica", susceptible de "suxerencias e novas incorporacións". "Toda crítica é sempre ben recibida e mellora o servizo final", puntualizou.

 

Actualización permanente

Neste sentido, Antón Santamarina sinalou a importancia de ser unha obra actualizada "de maneira permanente" e nun soporte "non en papel" senón que se pode consultar "desde un móbil e desde calquera sitio do mundo enteiro".

 

Ana Boullón, pola súa banda, asegurou que "non existe outro buscador parecido no Estado español nin en Portugal". Segundo manifestou, esta base de datos pretende ser unha ferramenta que "axude aos pais para buscar nomes apropiados para os seus fillos" e "resolva posibles dúbidas de ortografía".

 

"Pretendemos que nesta guía estean incluídos os nomes que existen xa no repertorio da poboación hoxe en día, pero tamén rescatar os medievais que se foron perdendo e os da nosa tradición literaria, oral e popular", apostilou.

 

A coordinadra manifestou ademais que os antropónimos que "máis chaman a atención" son os toponímicos e afirmou que "o mellor para a elección dun nome é que sexa distintivo" para que cumpra a súa principal función que é "identificar e individualizar".

 

O presidente da RAG anunciou que a Academia espera ofrecer "proximamente" unha guía de apelidos. 

 

 

A Real Academia Galega estrea on line a 'Guía de nomes galegos'

Te puede interesar