viernes 18.10.2019

González Formoso | “O ministerio non está pelexando na UE unha forma distinta de afrontar a transición enerxética”

alcalde de as pontes O rexedor da vila desde o ano 2007 tense reunido xa con todos os axentes implicados dalgún xeito na crise da central térmica das Pontes. Asegura vivir con “preocupación e xenreira” o que está a pasar e sostén que só coa unidade política é posible acadar unha solución satisfactoria 
O alcalde de As Pontes, o pasado luns tras o encontro que mantivo con Feijóo e Conde
O alcalde de As Pontes, o pasado luns tras o encontro que mantivo con Feijóo e Conde
 

Non é o primeiro sobresalto que padece desde a súa chegada á Alcaldía, no ano 2007, relacionado co carbón e coa central, mais recoñece que si é o máis grave. “Xa non é un susto, é moito peor”, di.

Como está vivindo esta situación que hai unhas semanas case ninguén podía prever?

Como calquera situación inesperada na vida, vívela con moita inquietude e preocupación, pero  coa esperanza de que, pase o que pase, As Pontes, que é un concello e un pobo con moito potencial e con moito recorrido, siga tendo futuro, co traballo de todas e todos. Obviamente, ese futuro ten que estar ligado á produción enerxética. Eu diría que case é unha constante nesta vila desde hai tempo: cada dez anos hai un susto importante e agora, máis que un susto, é o anuncio dun peche, unha noticia dura para As Pontes. Todos percibiamos que iamos ter dificultades no futuro, dado que o carbón é unha fonte de enerxía en extinción, pero eu compároo coa morte dun familiar: non por ser esperada deixa de doer ou ser traumática.

Na última semana estivo no Ministerio, en Bruxelas e co presidente da Xunta. É suficiente a unidade política para acadar unha solución?

Non é suficiente, non. Aquí hai unha parte técnica e económica, que é a máis importante. En calquera caso, o compromiso nesa procura de solucións require de implicación política. Se nos estamos a pelexar sobre quen ten máis ou menos culpa, quen o fai mellor ou peor e quen leva a medalla máis grande, o que conseguiremos é que este proxecto, na proporción que sexa, non se logre salvar. É imprescindible manter a calma, a solidariedade política e non perder de vista cal é o noso obxectivo, que é buscar unha utilidade para este complexo e que siga xerando enerxía e na maior cantidade posible, un “x” que non sabemos que tamaño ten.

En que se equivoca o ministerio?

Máis que o ministerio, eu diría as institucións con competencias, chámese Unión Europea, chámese ministerio. Todos sabemos que o carbón ten as patas moi curtas, non ten percorrido, pero unha transición é unha transición, non é unha disrupción. O remate do carbón está tendo ritmos distintos en Alemaña, cunha planificación pautada sobre o final das centrais térmicas e, nos países latinos, como España, onde o facemos de xeito abrupto. É culpa do ministerio que ocurra así? Non, pero é certo que non está pelexando ante Bruxelas outra forma distinta. Descoñezo unha viaxe dun alto cargo do ministerio a Bruxelas para requerir algún tipo de excepcionalidade a casos como o das Pontes, onde se están investindo 220 millóns de euros para tiralos ao lixo. Creo que a Unión Europea se xoga a credibilidade, é dicir, claro que hai que loitar contra o cambio climático, sen dúbida, pero non a costa de eliminar a solvencia, a seguridade xurídica e unha mensaxe positiva a un investidor de 220 millóns.

E Endesa, en que se equivoca?

Non creo que se equivoque. Está enfocando a situación desde unha óptica puramente empresarial e, polo tanto, creo que quen ten que limitar ese interese empresarial é o control público. O enerxético é un sector estratéxico que non pode estar a expensas do que decida un despacho do Paseo da Castellana. Ten que ter un filtro de interese estratéxico por parte do Estado, co cal non me preocupa tanto o erro de Endesa como os intereses que ten Endesa sen control. Quen ten que poñer os puntos sobre os íes son as institucións: o Estado, a Xunta dentro das súas competencias, e a UE.

Como está vivindo a veciñanza de As Pontes estas semanas?

Con moita preocupación. Só hai que ver a afluencia ás convocatorias que fai o comité de crise. A semana pasada colapsamos A Coruña con case 800 vehículos; a manifestación anterior foi a máis numerosa da nosa historia. Iso indica preocupación, a xenreira e a indignación. Quen pode entender que se estean investindo 220 millóns de euros para non funcionar? É como se Ferrol asume un investimento de 400 millóns de euros para o estaleiro 4.0 e, cando xa está para estrearse, alguén di que xa non se van facer máis barcos militares.

Con respecto ao tema das probas, ten esperanzas de que dean bos resultados?

É un proceso moi complexo porque non é só mercar residuo nun mercado estable, consolidado e maduro, senón que do que se trata é de captalo aquí en Galicia, onde non hai un mercado nin probablemente unha xeración de residuos que estea ben canalizada. Por iso acordamos a creación dunha mesa técnica na que estean os tres axentes para que Endesa diga que tipo e que volume de residuos necesita, e a Xunta, cos seus coñecementos e competencia na materia, estableza que volume se xera en Galicia, que dispoñibilidade hai... É dicir, intentar casar esas dúas realidades, que son moi complexas de casar. Eu quero ser optimista, pero tamén son realista e, polo tanto, véxoo moi complexo. Agora ben, se hai algunha opción para que casen esas necesidades, esa pasa polo compromiso político e da empresa.

Comentarios