"A Galiña azul", de Carlos Casares, estrea edición en ucraíno

"A Galiña azul", de Carlos Casares, estrea edición en ucraíno
Román Rodríguez presenta a nova edición do libro /Xoán Crespo

O conto 'A Galiña azul', do escritor galego Carlos Casares, xa conta coa súa versión en ucraíno, editada en colaboración coa fundación do escritor e a Xunta de Galicia para que os mozos ucraínos escolarizados aquí "compartan os valores e a cultura galega no seu propio idioma".


A nova versión, con ilustracións infantís, foi presentada este venres na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela da man do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares Berg, fillo do escritor.


Ademais, estiveron presentes a directora do colexio Paradai de Lugo, e unha auxiliar de conversación do colexio Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago, do que tamén participaron un grupo de estudantes de infantil e primaria.


Os nenos levaron unha mochila e unha camiseta do Xacobeo 21-22, así como un exemplar do conto que, tal e como explicaron no acto, chegará "moi pronto" ás bibliotecas públicas e centros escolares, así como aos nenos ucraínos refuxiados e escolarizados en Galicia.


En palabras de Román Rodríguez, a guerra declarada por Rusia en territorio ucraíno --"unilateral e inxusta"-- supuxo un "enorme reto" para o sistema educativo galego e que se asumiu "coa responsabilidade de ofrecer a máxima axuda posible ás familias e facilitar a integración dos nenos en todas as etapas escolares".


Precisamente, apuntou o conselleiro, a tradución ao ucraíno da obra, "unha das máis singulares da literatura galega infantil", é unha "ferramenta máis para que poidan coñecer a cultura e os valores de Galicia", á vez que "traslada unha mensaxe contra a intolerancia e a inxustiza e a favor da diversidade social".


Máis de 700 rapaces escolarizados
 

O titular de Educación lembrou que actualmente o sistema educativo galego conta nas súas aulas con máis de 700 nenos ucraínos que, desde o inicio da invasión rusa, fóronse incorporando a 125 centros; "un número que aumenta diariamente".


A este respecto, remarcou que, "desde o primeiro momento", a Administración autonómica puxo en marcha un plan de acollida para axilizar a escolarización e que se complementou ademais con medidas específicas de apoio como a elaboración de dicionarios galego-castelán-ucraíno, a participación de auxiliares de conversación para facilitar a comunicación, a repartición de material pedagóxico específico e outras accións encamiñadas a, entre outros, o servizo de transporte escolar ou os comedores.


Buscan así, concluíu Rodríguez, "eliminar a brecha lingüística", para o que tamén é importante "que compartan a cultura galega no seu propio idioma con algunhas das obras mestras da literatura de Galicia".


Hakan Casares, pola súa banda, mostrouse agradecido por poder participar no proxecto e asegurou que o seu pai "estaría moi contento de ver como moitos nenos, tanto tempo despois, volven gozar do seu libro".

 

"Se algún consegue sorrir ou pasar un bo intre léndoo, que foi para o que o meu pai escribiuno, xa valería a pena", comentou Hakan, que explicou ademais que Casares tivo "grandes amigos en Ucraína", onde ademais as súas obras sempre tiveron unha gran acollida.

"A Galiña azul", de Carlos Casares, estrea edición en ucraíno

Te puede interesar