Martes 18.06.2019

Pola súa escrita e por ser como é, Xulio Valcárcel recibe unha homenaxe dos seus

Apareceron por sorpresa nunha comida que tiña apalabrada con Luciano Rodríguez. Trouxéronlle un libro e o seu sorriso

A sorpresa tivo lugar no restaurante El Rincón del Reino | javier alborés
A sorpresa tivo lugar no restaurante El Rincón del Reino | javier alborés

Pensaba que a comida sería íntima, un vis a vis co seu amigo e profesor Luciano Rodríguez, pero a mesa tiña prato para algún máis, poetas e, sobre todo, amigos que lle quixeron render unha homenaxe. Pola escrita e por esa forma de prescindir do adorno para ir ata a esencia, as súas camaradas non só quixeron agradecerllo cunha comida que é como se celebran as festas en Galicia. Tamén o fixeron cun libro editado por Espiral Maior. 

No restaurante, El Rincón del Reino, unha comunidade de colegas todas plumas déronlle unha sorpresa a Xulio Valcárcel. Alí, estaba Luciano “o gancho” e o que ademais coordinou os textos do volume xunto con Diana Varela. No libro son, en total, trece voces analizando a súa traxectoria desde o primeiro poemario, que publicou cando tiña vinte anos, “Véspera do día”, ata o último “Outono nos espellos”. 

Para Varela, “Xulio é un referente na poesía non só na galega, tamén na española”. Na literatura galega, o que colabora para este xornal, “está considerado como un clásico”, traducido a moitas linguas, alemán, francés, inglés, portugués e italiano. Por iso, a de onte foi “unha homenaxe merecidísima feita por autores de prestixio”. 

Nela participaron Armando Requeixo, Fernán Vello, Forcadela, Pepe Cáccamo, Eva Veiga ou Teresa Xeada. Conta Varela que é curioso porque no feito por Valcárcel, pódese percibir a uniformidade. O estilo xa está nos primeiros versos cando era un chavalito. Valcárcel é reflexivo, “non entrega grandes termos e recursos”. 

Traballa desde a palabra, é esencial e desde esa mesma esencia furga no ser. Os temas repítense ao longo dos libros. O poeta fala de angustia, de compaixón e tenrura e no fondo, reside unha profunda vocación á escrita. 

Alén das páxinas, Xulio ten a virtude de ser recoñecido polos seus contemporáneos e moi querido. Comenta Diana que non quere ser rimbombante, pero que o de onte foi un acto sinalado, “un momento especial” e necesario. Á comida non puideron acudir todos, pero a meirande parte se sentou con el a falar sobre calquera cousa.

Galardóns
O coruñés é licenciado en Dereito, exercendo de procurador polo día. Participou nos colectivos Cravo Hondo e De Amor e Desaro. Foi parte do consello de redacción de “Luzes de Galicia” e en cuestión de trofeos, Valcárcel obtivo o Premio Nacional de Poesía para menores de 25 anos, o Premio Guimaraes en Portugal, o “Celso Emilio Ferreiro” do Concello de Santiago en 1979, ou o “Antonio Tovar en Ourense e o González Garcés da Federación de Libreiros. 

Ademais é autor de diversos traballos sobre arte e literatura. Colabora con El Ideal Gallego escribindo a páxina literaria.

Comentarios