“Non se trata de dicir isto é teu e non executar as partidas que nós non votamos”

“Non se trata de dicir isto é teu e non executar as partidas que nós non votamos”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-1b7b9ee3

Tras a aprobación inicial dos orzamentos o 1 de xuño, o alcalde Xulio Ferreiro falou de “pinza” do PSOE e o PP, que aprobaron dúas enmendas apoiándose entre si e eliminaron as modificacións ás bases de execución propostas pola Marea, nas que se daba poder ao Goberno local en detrimento do pleno. Tamén falou de “desfeita” polos erros que, entendía, contiñan. Os informes de Intervención e a Oficina Orzamentaria confirmaron problemas nas enmendas presentadas pola Marea, o PP e o PSOE.

Son subsanables os erros nos orzamentos?
Entendo que todo se podería solucionar, e o que importa é que na aprobación definitiva saian uns orzamentos correctos, executables e que resolvan as necesidades dos servizos.

Cal é a vía para facelo?
Estamos estudando a fórmula.

Vaise buscar un consenso co resto dos grupos de cara á aprobación definitiva?
Veremos ata onde podemos chegar. O ideal sería que isto se amañase entre todos. Nós imos facer a nosa parte do traballo, e a plantexar un documento de aprobación definitiva válido técnicamente e que consiga cumplir cos compromisos de gasto.

Houbo xa contactos coas forzas da oposición?
Non.

Vanse iniciar polo Goberno?
Evidentemente, teremos que falar antes da aprobación definitiva. Non sería bo que se repetise unha situación como a da inicial, con enmendas a última hora e na que se intente facer comulgar con rodas de muíño ao Goberno local.

Cales son os principais problemas para que os orzamentos cumpran a legalidade?
O orzamento do IMCE está descadrado, e hai partidas nas que se baixan fondos máis aló do gasto comprometido.

O pasado luns, o Goberno local falaba dun déficit nos orzamentos do Concello de 332.000 euros. Isa é a cifra que baixa de partidas nas que se executaron ou comprometeron fondos; pero non todas teñen os cartos totalmente gastados. Xa se sabe cal é a cifra real de déficit?
Fixemos a simulación de cómo quedarían as cousas e son os documentos que están aí. Agora mesmo non sei a cifra.

A enmenda do PSOE introduce superávit. Podería compensar o déficit...
Iso non é así. Cando un presenta unha enmenda ao orzamento, as cousas teñen que cadrar. O que non se pode é facer unha enmenda descadrada e despois dicir: agora ustedes van viendo dónde la arreglan. Iso non é serio nin é tecnicamente posible.

É o que propón o PSOE, que os técnicos amañen.
Se non se poden rebaixar 30.000 euros de mantemento de ascensores, haberá que rebaixalos doutro sitio. Decidilo non é unha decisión técnica, é política. Non se pode botarlle aos técnicos enriba a responsabilidade do que está mal planteado desde o inicio.
No IMCE habería que rebaixar 600.000 euros en partidas de gasto, sería o mesmo caso?
Os orzamentos do IMCE quedaron sen tocar. O que se rebaixa son 600.000 euros da achega do Concello. Habería que eliminar partidas, ou eliminar a rebaixa.

Os informes critican que os convenios, introducidos polo PP e o PSOE, non teñen especificación de destino, e non se pode atribuir a subvención.
Non cumpren os requisitos legais. Un convenio ten que levar aparellada unha finalidade. E neste caso non se cita.

Que se debería facer? Darlles agora unha finalidade?
É cuestión de resolvelo, pódese facer eliminando o convenio ou atribuindo unha finalidade.

Que prefire facer o Concello?
Terase que analizar caso por caso.

Fan público esta semana un informe de tesourería coas partidas xa comprometidas e executadas. O PP e PSOE critican que non llo deran antes, para formular as súas enmendas.
Entre as 11.30 e as 12.30 do día do pleno, era o momento para entregarllo e ver se estaba cadrado o que eles pedían? O que non se pode intentar é facer unha enmenda de tal calado a unha hora do comezo do pleno. É imposible de informar. O orzamento é vivo, todos os días se fai gasto. Sería desexable quese faga caso á información que se lles deu. Ao PSOE díxoselle: aquí no, aquí si. E despois, que presenten a enmenda con tempo para que os servizos poidesen informar. 

O PSOE presentou a súa unha semana antes do pleno.
O que se aprobou presentouno unha hora antes do pleno.

Ten nos seus orzamentos partidas polas que a Marea non votou a favor. Baralla deixalas sen executar?
Non, non é o ideal. O ideal é ir a niveles de execución orzamentarios o máis elevados posible, porque iso significará facer cousas pola cidade. Non se trata de se esto é meu ou isto é teu.

Está disposto a cumplir…
No nivel que sexa posible. Hai dificultades evidentes. Pídesenos facer actividades, pero déixasenos sen diñeiro para difundilas. Facer obras, pero retírasenos o diñeiro para os proxectos. Faremos esforzos para facelo todo, pero se te atan de pés e mans, é difícil.

De cara a 2017. O interventor fai referencia ao 15 de outubro como data para levar os orzamentos a pleno.
A intención é telos canto antes. O interventor tamén fala da cuestión, que eu a defendo, de que o procedimiento para a presentación de enmendas debería ser diferente. Que vaian a pleno informadas polos servizos técnicos.

Iso pasaría por cambiar o Regulamento Orgánico, e xa hai unha comisión para facelo.
Pasouselle documentación aos grupos sobre propostas, sobre outros modelos, entendo que o están estudando.

“Non se trata de dicir isto é teu e non executar as partidas que nós non votamos”

Te puede interesar