“Mofa & Befa somos moi didácticos, queremos ensinar e sempre fracasamos”

“Mofa & Befa somos moi didácticos, queremos ensinar e sempre fracasamos”
O protagonista interpreta o papel xunto con Evaristo Calvo de segador galego

Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo voltan hoxe a pisar almofadas no escenario, que son campos de trigo de Castela e país, dese lado que tivo que fuxir en busca de pan. Mofa e Befa repiten ás 20.30 horas con “Bobas & Galegas”, un invento de Quico Cadaval, que “escribiu e tamén traduciu textos ao galego”.
A súa “sabia e negra man” é quen de poñer á parella a recitar a Calderón de la Barca e a Lope de Vega e cambiarlles o rexistro a modo comedia nun xeito de facer que caracteriza á compañía Producións Teatrais Excéntricas. Con esta obra, acadaron o recoñecemento nos últimos premios Max sendo finalistas no apartado de escenografía con Baltasar Patiño de capitán.
Mosqueira ironiza con que son moitos anos sacándolle proveito a Shakespeare, “escribía ben o chaval” pero, nesta ocasión, o británico non dá pé á historia que fala dos criados galegos. Tampoco hai sangue, asegura, “non é necesario”. O actor define a peza como “bastante amable con varias partes” .
Nunha, o espectador poderá ver teatro costumista, noutra os segadores Allo e Mendo falarán un pouco dese mundo para ir entrando e saíndo segundo marque o guión, nunha “camaretada” que vai da historia dos que fan a maleta, das súas cousas “e trucos a ensinar como falar en verso”. Deste xeito, aparecerán en escena “El barbero de Sevilla” ou “Los Guisados”, tocando poemas de Quevedo, todo adobado con música da época, orixinal, grazas ao traballo en equipo e con guitarriña barroca do grupo e o santiagués Fernando Reyes, “especialista en música clásica renacentista” co que levan colaborando desde “Shakespeare para ignorantes”. Profundizando no verso pasou horas Jesús Aladrón, “unha autoridade tanto da voz como da métrica”.
A de hoxe será unha das últimas funcións que representen, aínda que “nunca damos por descartado volver a facela porque somos unha compañía de repertorio”. Víctor confesa que “custou moito aprender o texto” porque nunha hora e vinte, os dous voltean a historia, danlle ritmo e o clásico tórnase áxil: “Acabo rendido despois do espectáculo”, conta o protagonista, en parte tamén pola dificultade de moverse entre almofadas.
Aínda así, está encantado con elas porque lle dan unha luz especial ao conto, “cando se fan os campos de trigo” e as fouces cortan ceral e tópicos á vez. As ferramentas poden transformalo todo en anxos e demos, cabaleiros e bufóns ou estofados e quixotes nunha proposta que fai rir, pero que esconde misiva: “Mofa e Befa somos moi didácticos, queremos ensinar e sempre fracasamos”, di, nun entramado que é país e Século de Ouro.

“Mofa & Befa somos moi didácticos, queremos ensinar e sempre fracasamos”

Te puede interesar