Marineda City instaura tres premios de literatura e foto sobre Pardo Bazán

Marineda City instaura tres premios de literatura e foto sobre Pardo Bazán
O convenio asinárono onte na sede da Real Academia Galega | javier alborés

A sede da Real Academia Galega, ubicada na que foi a casa familiar de Emilia Pardo Bazán, acolleu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre esta institución e Marineda City a prol da difusión da vida e a obra da escritora. O acordo permitirá a celebración dunha velada cultural anual de homenaxe á autora cunha primeira cita o 29 de setembro e a instauración de dous galardóns literarios e un premio de fotografía que evoquen e recreen A Coruña, a cidade natal de Emilia Pardo Bazán, quen lle chamou no se imaxinario Marineda.
O centro comercial, que patrocinará estas iniciativas, adoptou o nome e comprométese agora a seguir avanzando na promoción da lingua galega a través das actividades que desenvolve e na propia sinaléctica do edificio: “Parécenos moi importante profundar neste tipo de relacións entre a Academia e a sociedade civil, as entidades comerciais e empresariais, sobre todo das características de Marineda City, comprometéndose na normalización e no uso do idioma e na promoción e divulgación da cultura galega”, expresou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Pola súa parte, a responsable do centro, Ana López, sinalou que “Marineda City sente unha especial vinculación coa figura de Emilia Pardo Bazán, que se traduce na súa denominación, e desexa potenciala a través deste convenio” e que a sinatura supón un paso firme como impulsor da vida cultural da comunidade autónoma. A xerente lembrou que o 60% das empresas implantadas en Marineda City son de orixe galega.
Por outra parte, a velada do 29 coincidirá co seu 166 aniversario e xirará arredor da súa figura na primeira planta do edificio da rúa de Tabernas, que os descendentes da autora lle cederon á Real Academia Galega, institución da que Emilia Pardo Bazán foi presidenta honoraria no momento da súa fundación en 1906.
A cita, segundo explicou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, traerá ao século XXI o espírito das veladas literarias da época na que viviu e combinará a lectura de textos de autora coa música do grupo De Vacas, que se achegarán coa súa frescura á época da intelectual.
A parte culinaria virá da man de Iván Domínguez, do restaurante Alborada, que reinterpretará as receitas da escritora. No marco deste encontro daranse a coñecer as bases dos premios literarios e fotográfico que patrocinará Marineda City, e que serán entregados na segunda velada cultural anual, en 2018, detallou Ana López Rodríguez.

Marineda City instaura tres premios de literatura e foto sobre Pardo Bazán

Te puede interesar