Así foi a orixinal xornada do 8-M en Santiago

Raxoi rematou hoxe de forma oficial a programación da semana para conmemorar o Día da Muller
Así foi a orixinal xornada do 8-M en Santiago
Foto de familia Mulleres de Compostela 2024 | CONCELLO DE SANTIAGO

Con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Santiago deseñou unha programación especial para conmemorar a xornada e deixar patente o compromiso da cidade coa igualdade.


Esta planificación rematou hoxe, coa lectura dun manifesto no que representantes de Raxoi reivindicaron a importancia de impulsar “redes de colaboración entre as mulleres e o conxunto do movemento feminista”.

 

O Manifesto


O documento, aprobado unanimemente por todas as agrupacións da Corporación local, tamén recolle unha serie de deberes aos que teñen que aterse os asinantes.


Entre estes, está o apoio ás mobilizacións feministas, o fortalecemento de servizos municipais de igualdade e dedicar polo menos un 1% do orzamento a políticas de prevención da violencia de xénero.

 

 

 

Premio Xohana Torres


Xusto despois do acto institucional da lectura do manifesto, Raxoi acolleu a resolución e entrega do Premio Xohana Torres do ano 2023.


A cerimonia, conducida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, acabou revelando como gañadora do certame á obra ‘Caídas’, de Montserrat Fajardo.


O xurado estivo composto pola rexedora; pola delegada do reitor da USC para a Igualdade, Marta Pérez; e polas profesoras Marta Rodríguez, Yolanda Martínez, Ana Cabana, Beatriz Busto, Patricia Alonso e María Pilar Cagiao.


Segundo valoran, ‘Caídas’ destaca polo “interese actual da súa temática” ao explicar o funcionamento do Patronato, unha organización descoñecida para o público xeral pero que tivo un enorme impacto nas mulleres da sociedade galega.


A autora recibirá como premio 2.500 euros, os cales cubrirán os dereitos de edición da peza por parte de Edicións USC.


Ao mesmo tempo, a entrega do galardón marca a apertura do prazo para presentar as candidaturas ao Xohana Torres 2024, cuxa convocatoria permanecerá activa ata o 30 de decembro.


Mulleres de Compostela 


Porén, o prato forte da programación municipal para este 8-M foi o acto para recoñecer ás Mulleres de Compostela 2024.


O evento tivo lugar a noite do pasado xoves na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.


Nel, o Concello recoñeceu a traxectoria profesional dunha selección de mulleres que forman parte da historia viva da cidade.


A escritora Rosa Aneiros foi a encargada de conducir a cerimonia e presentar ás santiaguesas distinguidas polo seu admirable impacto social.


Así, as 13 galardoadas foron  Jaione Camborda, Julia López, María Jesús Lamas, Nanina Santos, María Pereira, Yolanda Castaño, Maribel Martín e as integrantes do grupo Leilía.

 

 


A alcaldesa pechou o acto recitando un fragmento do texto que a poeta Yolanda Castaño escribiu para Leilía, o cal resume para Sanmartín “os valores que se queren destacar arredor do 8 de marzo”.


Finalmente, a xornada rematou cunha actuación por conta do grupo de música tradicional Caamaño e Amexeiras. 

Así foi a orixinal xornada do 8-M en Santiago

Te puede interesar