Reportaxe | Un recuncho para difundir o talento local

Reportaxe | Un recuncho para difundir o talento local
Paula Corral, na súa libraría | QUINTANA

Hai un dito que di que ninguén é profeta na súa terra pero na libraría Hipatia de Pastoriza queren loitar contra iso. O establecemento, que acaban de coller Paula Corral e Pablo Mariño, estrea un recuncho onde mercar libros e material audiovisual elaborado por creadores de Arteixo.


“Collemos o relevo de Pili, a anterior dona, que se xubilou tras 28 anos coa libraría, e queríamos darlle unha volta a todo e potenciar a creatividade de aquí. Aparte dos grandes autores, difundimos o noso porque se nós mesmos non facemos forza polo talento local, ninguén o fará”, explica Pablo Mariño, nome recoñecido no asociacionismo de Pastoriza.


Diversos autores 
 

Os discos de Luar na Lubre, Silvia Penide, Bule Bule Band ou 7 Puertas, as obras de Henrique Rabuñal, Miguel Sande, Xabier Maceiras, Antón Borrazás ou Xosé Iglesias e documentais como ‘Pastoriza na lembranza’, ‘Porlier 2.0’ ou ‘Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento’ –de Fran Naveira e Xabier Maceiras– poden adquirirse no espazo que acolle ‘Letras arteixás’ e ‘Arteixo audiovisual’.


Aínda que serán actos puntuais, tamén haberá presentacións de libros, coma o novo conto de Sara Aramburu, veciña da localidade, ou de Miguel Sande –autor que dá nome á biblioteca da parroquia–. “Hai varios autores dispostos a vir e nós encantados. Buscamos ser un elemento de cohesión na zona”, comenta Mariño.


O local, apuntan desde Hipatia, tamén ofrece servizo de fotocopias, libros de texto, prensa, café para levar, material escolar, larpeiradas e xestión de trámites dixitais coma a petición de citas ou do certificado electrónico. 

Reportaxe | Un recuncho para difundir o talento local

Te puede interesar