Unha andaina educativa para pór en valor a lingua ‘na casa’ e ‘na escola’

Unha andaina educativa para pór en valor a lingua ‘na casa’ e ‘na escola’
Os alumnos coas pancartas que levaban na andaina | Quintana

Milleiros de alumnos e alumnas coruñeses percorrían onte o Paseo Marítimo da Coruña nunha nova edición do Correlingua, a festa da lingua que busca pór en valor a mesma en todos os ámbitos. O percorrido comezou, en torno ás 11.00 horas, no pavillón polideportivo de Riazor, e finalizou na contorna da estatua de Breogán, ao pé da Torre de Hércules.


Os alumnos participantes nesta nova edición da festa da lingua pertencían a unha vintena de centros educativos da provincia. En concreto, de municipios como Arteixo, A Laracha, Cambre, Carral, Cerceda, Laxe, Oleiros e Vimianzo.


Alí, ao pé do faro romano, o alumnado presente na contorna foi o encargado de ler o manifesto deste ano. Nese momento participou da festa tamén a alcaldesa, Inés Rey, quen recoñeceu o compromiso amosado polas xeracións máis novas “coa normalización lingüistica e a posta en valor da lingua galega, un patrimonio de valor incalculable e que debemos coidar con agarimo”, aseguraba a rexedora.

 

Ines rey correlingua quintana
Inés Rey no Correlingua | Quintana


Inés Rey tamén lembrou a importancia de que “se asuma tamén desde as Administracións públicas, desde as institucións, este compromiso coa normalización lingüística do galego, que debe partir de todas e todos nós”. Ademáis, Rey tamén animou aos máis novos a facer uso da lingua galega en todos os ámbitos da vida.


Edición

A da xornada de onte, que congregou a milleiros de estudantes de boa parte da provincia coruñesa, foi a edición número 23 da Festa do Correlingua.
 

Trátase dunha actividade que se levou a cabo baixo o lema ‘Na casa, na escola, bota a lingua fóra!’. A festa, promovida pola Asociación Cultural Correlingua, conta coa colaboración do Concello da Coruña, a través do servizo de Normalización Lingüística. Ademáis da andaina e da posterior lectura do manifesto, os alumnos e alumnas puideron desfrutar tamén da música do grupo Cuarta Xusta. 

Unha andaina educativa para pór en valor a lingua ‘na casa’ e ‘na escola’

Te puede interesar