A travesía vital de Isaac Díaz Pardo no seu camiño por socializar a arte

O Museo de Belas Artes acollerá desde o 19 de xuño a exposición ‘A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’, que abordará, a través de cinco partes, as disciplinas e proxectos que o creador galego desenvolveu durante a súa vida: desde a pintura a Sargadelos, pasando polo Laboratorio de Formas e Celtia
A travesía vital de Isaac Díaz Pardo no seu camiño por socializar a arte
Na presentación estivo Xosé Díaz (segundo pola esquerda), así como o conselleiro e a subdelegada do Goberno | Carlota Blanco

Usando como alegoría as obras que Isaac Díaz Pardo adicou ao barqueiro do inframundo que levaba as almas ao Hades, o Museo de Belas Artes desenvolverá unha nova exposición en torno á figura do creador galego, titulada ‘A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’, que abrirá as súas portas o vindeiro 19 de xuño e se poderá ver até o 14 de decembro.
 

O comisario da mostra é Xosé Díaz Arias de Castro, fillo de Isaac, que resume que ‘A barca de Caronte’ significa “a travesía, o traxecto que fai Isaac Díaz Pardo desde o arte á industria, desde a pintura á cerámica, desde os pinceis ao deseño industrial”.


A través de cinco seccións, a mostra abordará, precisamente, a meirande parte das disciplinas que traballou Díaz Pardo desde mediados do século XX.

 

As seccións

A primeira das seccións aborda a súa “etapa pictórica, clásica, de gran contundencia e mestría”. Aínda que a finais dos 40 decide “traspasarse e monta una industria cerámica”.
 

“Por qué deixa a pintura e se mete a facer cacharros, xogos de café e vaixelas? Por moitas razóns”, apunta o comisario, que lembra que xa o pai de Isaac, Camilo Díaz Baliño, fixera “ese traspaso” de disciplinas, “con outra mentalidade máis decimonónica, pero fai ese traspaso”. “Isaac quere salirse da arte e aplicala á industria, socializar”, engade.
 

Na segunda parte da mostra poderase ver esa “parte onde él crea cerámica, todo o seu saber plástico méteo nesa etapa industrial”. A terceira sección coincide coa marcha á Arxentina, onde “monta unha empresa cerámica, Celtia S.A.”, pero tamén o lugar onde “volve pintar e aparece unha nova etapa de pintura que tamén veremos na exposición”.
 

Na penúltima parte “vaise divulgar o proxecto do Laboratorio de Formas”, explica Díaz, que toma prestadas as verbas de Luís Seoane para lembrar o proxecto: “Nós queremos enriquecer ao mundo coa nosa diferencia”.
 

A derradeira sección será a adicada á “gran obra de Isaac, Sargadelos”, deténdose nas “experiencias de tecnoloxía e escola libre”.


Con todo isto, o comisario da mostra de Belas Artes incide en que “non é unha exposición de pintura, é unha exposición da traxectoria de Isaac Díaz Pardo”. 

 

Actividades paralelas

Pero, tendo en conta o carácter multidisciplinar da traxectoria de Isaac Díaz Pardo, o proxecto da ‘Barca de Caronte’ non podía quedarse só nunha exposición.
 

En outubro, os días 23 e 24, Belas Artes será escenario dunhas xornadas científicas en torno á sua pintura, o exilio e a identidade de Sargadelos e o Laboratorio de Formas. 
 

Desde o 15 de outubro até o 3 de decembro desenvolverase un curso, que impartirá Alberto Cartón, en torno aos significados da creación cultural en Galicia e ás relacións e fluxos cos artistas e intelectuais galegos exiliados durante e tras a Guerra Civil.
 

Os sábados de outubro e novembro pola mañá haberá obradoiros para nenos, impartidos por Arkhé Espacio Educativo. Os sábados de novembro, pola tarde, Pansenfron coordina unha actividade musical en torno aos carteis de cego creados por Díaz Pardo.
 

Os martes de outubro e novembro haberá un ciclo de documentais sobre a obra e figura de Isaac Díaz Pardo coas proxeccións de ‘Isaac’, ‘As miradas de Isaac’ e ‘Hoxe e o resto do mundo’.
 

Tamén haberá visitas guiadas para colectivos con necesidades especiais, para grupos de escolares, para asociaciones, grupos de público adulto e visitas individuais.


Por último, no mes de novembro presentarase o catálogo da exposición ‘A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’, que contará con textos de María Victoria Carballo Calero, Juan Manuel Bonet, Xosé Luis Axeitos, Ruy Farías, Inmaculada Real, Lorenzo Fernández e Antoino Ríos Vázquez. 

A travesía vital de Isaac Díaz Pardo no seu camiño por socializar a arte

Te puede interesar