SonDeSeu, vinte anos de paixón e estudo das músicas de raíz

SonDeSeu, vinte anos de paixón e estudo das músicas de raíz
A formación ao completo de SonDeSeu durante o concerto de aniversario en Vigo | cedida

A orquestra de folk galega SonDeSeu está a celebrar os seus 20 anos de vida cun percorrido polas cidades galegas. O vindeiro venres, ás 20.30 horas, actuarán no teatro Colón.

Os concertos da celebración “están a ser unha experiencia, para o público, pero tamén para nós, coma orquesta”, explica a mestra da sección de violín e membro da SonDeSeu dende os inicios, Begoña Riobó.

Entre os matices especiais destes concertos atópase o feito de que a orquestra preséntase ao completo e lembrando creacións que había tempo que non tocaban.

A resposta do público está a ser moi boa, conta Riobó, que indica entre risos que “preparamos dous bises e estamos tocándoos todos”. O concerto é nun formato “semiacústico”, explica Riobó, o que permite ao público achegarse ao son da orquestra dun xeito similar a como sonaría nun ensaio, con só un par de amplificadores para apoiar ás zanfonas, arpas e violíns, “a xente sae moi sorprendida de escoitar deste xeito tan orgánico á orquestra”.


Historia


Riobó comenta que os procesos da formación “foron moi progresivos e apenas te decatas, pero con todo isto da celebración, ves vídeos, fotos... e ves que eramos menos da metade dos que somos agora”.

Por este motivo, ao escoitar na actualidade “Mar de Vigo”, “que foi o primeiro tema que montamos”, “sona completamente diferente, hai máis matices e o sonido é máis grande”.

Lembra Riobó que “SonDeSeu naceu coma un proxecto pedagóxico, non coa idea de levalo a escena”. Na actualidad, apunta a que a mellora da calidade individual dos seus membros, e o maior número deles, permite “facer arranxos distintos”, polo que percorrer agora temas pasados da orquestra é convertelos en novos para o público que os está a ver neste aniversario.



Do grupo ao coral


En SonDeSeu existen diferentes seccións que dirixe cadanseu mestre. Riobó dirixe aos violíns, Anxo Pintos as zanfonas, Xosé Liz as requintas e Xisco Feijóo as cantereiras, como exemplos.

Sobre o escenario non hai figura de director, pero o director artístico é Rodrigo Romaní. Riobó explica o proceso de traballo: “cando chega un tema, o primeiro son os ensaios de sección, cando cada un sabe como é a súa parte, fánse ensaios grupais”. A mestre recoñece que son moitos ensaios para interiorizar o tema, “porque pensa que no escenario nós non escoitamos á orquesta en conxunto, hai que aprender a buscar cal é lebre que vas a seguir, require moito traballo”.

SonDeSeu, vinte anos de paixón e estudo das músicas de raíz

Te puede interesar