Luar na Lubre, Maghúa, Le Gall-Carré e os Rexumeiros de Elviña estarán na "Noite dos Crutos"

A festa organizada polo Concello e asociación Tempo Novo terá lugar o domingo 30 de abril
Luar na Lubre, Maghúa, Le Gall-Carré e os Rexumeiros de Elviña estarán na "Noite dos Crutos"

O Concello da Coruña, en colaboración coa asociación cultural e recreativa Tempo Novo de Elviña e Castro, organiza a ‘Noite dos Crutos’, unha sesión de concertos ao aire libre que terán lugar o vindeiro domingo 30 de abril nas penas da Grela, enclave situado no Castro de Elviña.


A iniciativa, que se executa en consenso coa asociación, ten como principal obxectivo a posta en valor do xacemento arqueolóxico, abríndoo á cidadanía a través dun acto lúdico e contribuíndo a divulgar o patrimonio dun enclave que vertebra tamén a historia dos lugares do Castro, Elviña, A Cabana, Someso, Mesoiro e Feáns.


A ‘Noite dos Crutos’ comezará ás 19.00 horas cunha presentación a cargo do artista Xurxo Souto. Acompañado por veciñas e veciños do Castro de Elviña, Souto abrirá camiño á quenda de actuacións, que abrangue ao grupo de cantareiros Maghúa, o prestixioso cuarteto bretón Le Gall-Carré e unha formación da antiga banda de gaitas Os Rexumeiros de Elviña —agrupación moi enraizada en Elviña, que naceu nos anos 90—. O prato forte da xornada será o grupo tradicional Luar na Lubre, unha das bandas galegas máis internacionais e que ten a súa orixe na Coruña.


De cara aos concertos —coa apertura de portas prevista xa ás 18.30 horas—, habilitarase unha zona de asentos, diante do escenario, destinada especificamente a persoas maiores e tamén ás persoas con problemas de mobilidade. A capacidade máxima prevista na contorna das penas da Grela é de, aproximadamente, 2.000 persoas.
 

As entradas sairán á venda o vindeiro 19 abril cun prezo de 10 euros. Poderán adquirirse a través de Ataquilla.com ou despacho de billetes da praza de Ourense, aberto de luns a venres en horario de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.


En paralelo á celebración da ‘Noite dos Crutos’, e xa desde a mañá do domingo 30, levaranse a cabo diversas actividades culturais no Castro de Elviña e a súa contorna, co obxectivo de recuperar e fortalecer os nexos culturais da cidadanía co xacemento, unha das principais iconas arqueolóxicas da Coruña.


Neste sentido, durante o domingo haberá tres quendas de percorridos guiados gratuítos polo Castro de Elviña (ás 10.00, 12.00 e 16.00 horas), a cargo das e dos profesionais que traballan no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.


O procedemento para a reserva de praza nos percorridos guiados será o habitual nas visitas que impulsa o Museo Arqueolóxico todos os domingos do ano: será preciso efectuar a solicitude a través do teléfono 981 189 850.


A previsión do Concello e da asociación cultural e recreativa Tempo Novo de Elviña e Castro é que, no contexto das visitas, as persoas asistentes tamén podan disfrutar de espectáculos musicais en horario matinal e na previa vespertina á ‘Noite dos Crutos’. A banda dos Rexumeiros e a asociación cultural Maghúa actuarán no xacemento ás 11.00 e 13.00 horas, respectivamente, e pola tarde terá lugar un pasarrúas polos rueiros de Elviña e Castro, coas Escolas de Música de Tempo Novo como as protagonistas.

Luar na Lubre, Maghúa, Le Gall-Carré e os Rexumeiros de Elviña estarán na "Noite dos Crutos"

Te puede interesar