Eva Hache, Touriñán e Buenismo Show, entre os participantes do Encontro Mundial de Humorismo 2023

Eva Hache, Touriñán e Buenismo Show, entre os participantes do Encontro Mundial de Humorismo 2023

Sílvia Abril, Eva Hache, Eva Soriano, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Leo Harlem, Dani Rovira, Ignatius Farray, Xosé A. Touriñán, Pantomima Full, Javier Cansado, Javier Veiga e Luis Piedrahita, entre outras moitas figuras, participarán na terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 28 de abril ao 7 de maio.

 

A programación do festival, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e que conta co apoio do Concello da Coruña e Estrella Galicia, incluirá a gravación dun programa especial de Estirando el chicle (Premio EMHU Fenómeno 2022) desde o castelo de Santo Antón, ou a estrea en Galicia de Buenismo Show, o espectáculo de Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado baseado en Buenismo bien, o programa radiofónico que presentan. Tamén como novidade, o EMHU acollerá a estrea en España de Garabato controlado, o último show do arxentino Juan Barraza; e a estrea absoluta de dous novos traballos de humoristas de Galicia: As R(h)umorosas, creado por Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, e Ansia viva, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero.


O Encontro Mundial de Humorismo é a gran cita coa comedia en directo. Na súa última edición, na que contou coa presenza de Andreu Buenafuente e con funcións de La Vida Moderna Live Show ou Saldremos mejores, entre oturas propostas, sumou máis de 19.000 espectadores. Nesta ocasión, o EMHU reúne durante dez días na cidade herculina as figuras do humor máis relevantes do momento en España en propostas únicas e exclusivas que só se poden ver nesta cita. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que desta quenda contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e o director artístico do festival, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Como novidade, o EMHU celebrará a estrea absoluta dunha nova gala de produción propia de gran formato, Animus Iocandi, coa que o evento regresará ao recinto de Palexco para ofrecer unha sesión rebordante de sorrisos da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril.

 

Fiel ao seu espírito, o EMHU tamén programará sesións dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, que se estreará en Galicia no marco do festival, ou La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes que promete ser un dos momentos máis inolvidables da edición. Tampouco faltarán esta primavera á súa cita coruñesa co EMHU Ignatius Farray, que presentará La comedia salvó mi vida; ou os protagonistas de Sin datos no hay paraíso que, logo da súa estrea absoluta no EMHU 2022 e de xirar por distintas cidades da península, regresa ao festival para festexar a súa graduación teatral da man de Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño.

 

A programación de pago do EMHU 2023 achegarase, ademais, á pantalla grande. O 30 de abril proxectarase por primeira vez en Galicia, no Teatro Colón, Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica escrita e dirixida por Javier Veiga da exitosa obra de teatro e que se estreará este mes no Festival de Málaga. Será unha sesión especial que contará cun breve coloquio e espectáculo no que se citarán, ademáis do propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán. Esta será a primeira mesa redonda que teña lugar na edición de 2023 do EMHU, nun evento no que se celebrarán diferentes encontros e iniciativas abertas ao público no marco da programación de actividades paralelas, que se dará a coñecer proximamente.


ENTRADAS E ABONOS Á VENDA

O vindeiro xoves, 9 de marzo, ás 12:00 horas, activarase a través do espazo web oficial www.emhu.es e da plataforma www.ataquilla.com a venda de entradas das sesións de pago do EMHU 2023, que terán lugar en cinco recintos diferentes: a sede de Afundación, o Castelo de Santo Antón, o Palacio de Congresos y Exposiciones de A Coruña (Palexco), o Pazo da Ópera e o Teatro Colón. Tal e como vén sendo habitual nas distintas edicións do festival, o público tamén poderá adquirir algún dos catro tipos de abono:

 

 -  Abono bueno (60€) | Humoris Causa + Animus Iocandi 
  - Abono bueno bueno (76€) | Juan Barraza: Garabato controlado + La Ruina + Animus Iocandi + Fantastic Colofon
 -  Abono bueno, de lo bueno lo mejor (76€) | Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray; La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte
   - Abono bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor lo superior (130€) | Buenismo Show + Sin datos no hay paraíso + Humoris Causa + Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida + Amigos hasta la muerte + Animus Iocandi + La Ruina + Fantastic Colofon


HORARIOS PROGRAMACIÓN DE PAGO EMHU 2023


Venres 28 de abril
21:30 horas | Teatro Colón: Buenismo Show (estrea en Galicia)

Sábado 29 de abril
17:00 horas | Teatro Colón: Sin datos no hay paraíso
22:00 horas | Pazo da Ópera: Humoris Causa

Domingo 30 de abril
16:00 horas | Castelo de Santo Antón: Estirando el chicle en un castillo
18:00 horas | Teatro Colón: Ignatius Farray: La comedia salvó mi vida
20:30 horas | Teatro Colón: Amigos hasta la muerte

Luns 1 de maio
19:30 horas | Teatro Colón: Juan Dávila: La capital del pecado 2.0 (estrea en Galicia)

Mércores 3 de maio
19:30 horas | Afundación: As R(h)umorosas (estrea absoluta)

Xoves 4 de maio
21:00 horas | Afundación: Ansia viva (estrea absoluta)

Venres 5 de maio
19:30 horas | Afundación: Juan Barraza: Garabato controlado (estrea en España)

Sábado 6 de maio
12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina
22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi (estrea absoluta)

Domingo 7 de maio
20:00 horas | Teatro Colón: Fantastic Colofon

Eva Hache, Touriñán e Buenismo Show, entre os participantes do Encontro Mundial de Humorismo 2023

Te puede interesar